Pasar al contenido principal

Investigadores da USC avanzan no descubrimento de novos fármacos antitrombóticos

Pola esquerda, Ángel García Alonso,  María N. Barrachina, Serena Lacerenza, Irene Izquierdo (primeira autora), Lidia Hermida-Nogueira, e Luis A. Morán
Pola esquerda, Ángel García Alonso, María N. Barrachina, Serena Lacerenza, Irene Izquierdo (primeira autora), Lidia Hermida-Nogueira, e Luis A. Morán
A identificación do mecanismo de activación dun receptor de plaquetas pode ser determinante no desenvolvemento de eventos isquémicos
Santiago de Compostela

Investigadores da USC acaban de descifrar o mecanismo e as proteínas chave para a activación dun receptor de plaquetas (CLEC-2), fundamental no mantemento da integridade vascular e que pode supoñer un antes e un despois na identificación de fármacos  antitrombóticos. Este receptor xoga un papel menor na  hemostasia –a detención dunha hemorraxia- pero contribúe á estabilización do  trombo; un proceso que é fundamental no desenvolvemento de eventos isquémicos asociados á activación indesexada das plaquetas.

O grupo Platelet Proteomics do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) lidera este estudo publicado na revista Thrombosis and Haemostasis, que ademais ilustrou a portada desta publicación, e que analiza como se activa o receptor  C-type  lectin- like receptor-2 (CLEC-2), chave na integridade vascular e desenvolvemento dos vasos  linfáticos embrionarios; así como en metástases  hematóxenas mediadas por plaquetas. 

“Este estudo investiga en detalle o mecanismo de activación deste receptor de plaquetas para así poder identificar que proteínas son claves na devandita activación. Isto foi posible grazas a unha combinación de análises  fosfoproteómicos,  bioquímicos e funcionais a nivel das plaquetas sanguíneas”, explica o investigador da USC Ángel García. 

Desta maneira, pescudouse como se “orquestran” os eventos  intracelulares máis relevantes asociados á activación de  CLEC-2. “Isto contribuirá a desenvolver unha mellor estratexia para a identificación de fármacos capaces de inhibir os mecanismos de activación de  CLEC-2 e que se puidesen probar na práctica clínica como  antitrombóticos”, indica Ángel García.

Precisamente, a identificación e o desenvolvemento destes fármacos é a base de todo o traballo do grupo  Platelet  Proteomics,  no contexto do Proxecto europeo  Targeting  Platelet  Adhesion  Receptors  in  Thrombosis (TAPAS), o cal constitúe ademais un programa do Doutoramento Conxunto Europeo (European  Joint  Doctorate), do cal a USC é beneficiaria. 

Análises máis sensibles 
Recentemente, estes investigadores realizaron unha análise  proteómica baseada en xel da vía de sinalización CLEC-2, pero este estudo estaba limitado na súa abordaxe, ao non ser cuantitativo. Grazas aos avances recentes na espectrometría de masas que conducen á identificación segura de lugares de  fosforilación en mostras de proteínas complexas e ao desenvolvemento de anticorpos capaces de recoñecer fosfoproteínas, abriuse o camiño para análises máis sensibles e cuantitativas de vías de activación  plaquetaria. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.02.2020.