Pasar al contenido principal

Veterinaria estende a formación desde as aulas ás explotacións gandeiras

Alumnos e docentes no exterior das instalacións do Centro de Recría Castro
Alumnos e docentes no exterior das instalacións do Centro de Recría Castro
Máis dun centenar de estudantes de grao coñecen a xestión, produción, alimentación, manexo e aspectos sanitarios das explotacións de vacún no Centro de Recría Castro, ao tempo que comproban a evolución das infraestruturas e tecnoloxías de uso gandeiro nas instalacións das granxas Gayoso-Castro e na Unidade de Leite da Granxa Experimental do Campus Terra
Lugo

A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo a USC estende a formación do seu alumnado desde as aulas, laboratorios e demais instalacións  universitarias ata as cuadras das explotacións gandeiras, xa a través de visitas a explotacións particulares ou ben mediante acordos de adhesión para usos académicos de instalacións de carácter público como o son o Centro de Recría de xatas de vacún de leite, a Granxa Gayoso-Castro ou a futura Granxa Experimental do Campus Terra, dotacións todas elas propiedade da Deputación Provincial de Lugo que, apenas no primeiro mes de curso, xa recibiron a visita de 115 estudantes do segundo curso de grao en Veterinaria que están a cursar a materia Produción Animal I.

Esta formación de marcado carácter práctico antóllase vital para os futuros veterinarios, salienta o profesor Ignacio García Lara, quen precisa que ao redor do 90% dos rapaces e rapazas que están a cursar o grao de Veterinaria en Lugo nunca estiveron nunha explotación de vacún, cando “é imprescindible coñecer o medio no que van desenvolver o seu traballo no futuro”, subliña.

O coordinador das prácticas da materia Produción Animal I xunto co tamén docente Ramiro Fouz, relatou que os máis de 100 estudantes que pasaron ao longo do mes de outubro e distribuídos en grupos de entre 15 e 20 persoas polas instalacións do Centro de Recría de Castro, completaron visitas a todas as dependencias do centro guiados polo seu xerente, o tamén veterinario Rogelio Grille. Así, acompañado tamén polos docentes universitarios, o alumnado tivo a oportunidade de coñecer como se xestiona e desenvolve o proceso de cría e recría de xatas de vacún de leite nunhas instalacións novas e de referencia a  nivel nacional.

Coñecer de primeira man as peculiaridades do manexo e da alimentación das novillas de vacún de leite, que anos despois se convertirán en nodrizas produtoras, repercute na mellor formación dos futuros veterinarios, reitera García Lara, ao tempo que indica que a actual conxuntura propiciada pola pandemia dificulta ofrecer este tipo de experiencias de carácter práctico ao alumnado.

O Centro Recría Castro opera desde hai dous anos como unha concesión da Deputación Provincial de Lugo que xestiona a cría das xatas para ser as futuras vacas de leite nas ganderías da provincia de Lugo. Na actualidade, as súas instalacións rexistan un nivel de ocupación de preto do 100 %, o que supón un total de 2.700 animais, distribuídos en distintos lotes homoxéneos. Este modelo organizativo e de xestión permite axustar a alimentación e o manexo dos animais en función das distintas necesidades de cada etapa de crecmento, di García Lara.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.11.2020.