O IV Ciclo da USC festexa a patroa cun acto académico na Casa do Saber
O IV Ciclo da USC, un programa de formación específico dirixido a persoas maiores de 50 anos, lembrou este venres a memoria da súa patroa, Francisca Álvarez, coa celebración dun acto académico na Casa do Saber de Lugo, no marco do que o profesor Javier López González ofreceu o relatorio ‘Pandemias e xeografía’.
O adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización e Cultura, Jesús Varela Zapata, ofreceu un breve acto de acollida ao alumnado presente na sesión, no marco da que a directora do programa IV Ciclo da USC, Esther Olveira Olveira salientou a vitalidade a capacidade de aguante e a solidez das persoas maiores fronte á pandemia causada pola COVID-19.
“Sodes un exemplo de que con prudencia se pode manter a actividade académica”, dixo Olveira, que, logo de manifestar o seu agradecemento ao traballo desenvolvido pola coordinadora deste programa de formación sénior no Campus de Lugo, Teresa Rodríguez, sinalou que, “na contra dalgúns augurios fatalistas, a matrícula de alumnado no IV Ciclo da USC apenas diminuíu un 10% respecto ao curso anterior” .