Pasar al contenido principal

Nanomag camuflará nanodispositivos magnéticos que escapen ao control do sistema inmune e cheguen a órganos diana ou tumores

José Rivas e Jorge Mira xunto co resto de integrantes de Nanomag. FOTO: Santi Alvite
José Rivas e Jorge Mira xunto co resto de integrantes de Nanomag. FOTO: Santi Alvite
O proxecto BOW no que toma parte a USC e que acaba de ser financiado con 4,5 millóns de euros por parte da Comisión Europea, pretende “vestir” as nanoestruturas magnéticas con membrana de vesícula extracelular para que se biomimeticen
Santiago de Compostela

A camuflaxe de nanodispositivos superparamagnéticos para facelos pasar por vesículas extracelulares, ou o que é o mesmo, vehículos da comunicación intercelular entre órganos, é unha das metas do proxecto BOW ‘Biogenic Organotrophic Wetsuits’. Esta investigación na que toma parte a USC, acaba de ser financiada con 4,5 millóns de euros no marco do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea.

Baixo a coordinación de José Rivas, profesor emérito na Facultade de Física, o grupo de investigación Nanomag, pertencente ao Instituto de Materiais da USC, desenvolverá unha tecnoloxía que permita “vestir” cunha monocapa ou multicapa a estes nanocompostos de partículas magnéticas a escala nanométrica. Deste xeito, agárdase dotar a dispositivos sintéticos cunha superficie de gran complexidade biolóxica que lles permita biomimetizarse, camuflarse do sistema inmune e dirixirse a dianas de interese como órganos ou tumores. Os científicos camuflan estes dispositivos cunha membrana fabricada a partir dunha vesícula  extracelular que dará forma á información contida no interior do nanodispositivo.

José Rivas é o responsable do proxecto BOW. FOTO: Santi Alvite
José Rivas é o responsable do proxecto BOW. FOTO: Santi Alvite

Loita contra o cancro

As vesículas extracelulares con tamaños nanométricos son a peza chave da comunicación intercelular entre órganos “feita polas células para as células” —sinalan os investigadores—, e que permiten o transporte de lípidos, proteínas e acedos nucleicos. Asemade, toman parte en procesos fisiolóxicos e participan nos mecanismos de propagación de diversas enfermidades, incluíndo cancro e infeccións. A investigación que acaba de botar a andar e que será desenvolvida por un consorcio internacional integrado por once socios de Italia, Alemaña, Irlanda, Suíza, Estonia, Chequia e España, supón un primeiro exemplo disruptivo de nanotecnoloxía bioxénica.

“O éxito desta tecnoloxía non incremental promoverá o progreso de nanodispositivos e nanomateriais implantables cara á produción sostible e a translación clínica, contribuíndo a fortalecer e manter a posición de liderado na biotecnoloxía europea e impactando a calidade de vida das persoas”, explica o profesor Rivas. Os obxectivos do proxecto consisten na produción de vesículas extracelulares con funcións biomiméticas e organotrópicas; a síntese e funcionalización de nanocompostos superparamagnéticos; así como o deseño dun dispositivo microfluídico para a fabricación simplificada de nanocompostos recubertos con membrana de vesícula extracelular. Neste senso, o profesor Rivas reivindica que “os nanomateriais e os nanodispositivos constitúen unha tecnoloxía fundamental para mellorar a medicina de precisión e os enfoques terapéuticos”.

Nos últimos cinco anos, este é o terceiro proxecto europeo do programa Horizonte 2020 que obtén o grupo de José Rivas, que ten en vigor un cuarto proxecto europeo máis doutro programa.

Máis información: https://cordis.europa.eu/project/id/952183/es

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.02.2021.