Nanomag camuflará nanodispositivos magnéticos que escapen ao control do sistema inmune e cheguen a órganos diana ou tumores
A camuflaxe de nanodispositivos superparamagnéticos para facelos pasar por vesículas extracelulares, ou o que é o mesmo, vehículos da comunicación intercelular entre órganos, é unha das metas do proxecto BOW ‘Biogenic Organotrophic Wetsuits’. Esta investigación na que toma parte a USC, acaba de ser financiada con 4,5 millóns de euros no marco do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea.
Baixo a coordinación de José Rivas, profesor emérito na Facultade de Física, o grupo de investigación Nanomag, pertencente ao Instituto de Materiais da USC, desenvolverá unha tecnoloxía que permita “vestir” cunha monocapa ou multicapa a estes nanocompostos de partículas magnéticas a escala nanométrica. Deste xeito, agárdase dotar a dispositivos sintéticos cunha superficie de gran complexidade biolóxica que lles permita biomimetizarse, camuflarse do sistema inmune e dirixirse a dianas de interese como órganos ou tumores. Os científicos camuflan estes dispositivos cunha membrana fabricada a partir dunha vesícula extracelular que dará forma á información contida no interior do nanodispositivo.
Loita contra o cancro
As vesículas extracelulares con tamaños nanométricos son a peza chave da comunicación intercelular entre órganos “feita polas células para as células” —sinalan os investigadores—, e que permiten o transporte de lípidos, proteínas e acedos nucleicos. Asemade, toman parte en procesos fisiolóxicos e participan nos mecanismos de propagación de diversas enfermidades, incluíndo cancro e infeccións. A investigación que acaba de botar a andar e que será desenvolvida por un consorcio internacional integrado por once socios de Italia, Alemaña, Irlanda, Suíza, Estonia, Chequia e España, supón un primeiro exemplo disruptivo de nanotecnoloxía bioxénica.
“O éxito desta tecnoloxía non incremental promoverá o progreso de nanodispositivos e nanomateriais implantables cara á produción sostible e a translación clínica, contribuíndo a fortalecer e manter a posición de liderado na biotecnoloxía europea e impactando a calidade de vida das persoas”, explica o profesor Rivas. Os obxectivos do proxecto consisten na produción de vesículas extracelulares con funcións biomiméticas e organotrópicas; a síntese e funcionalización de nanocompostos superparamagnéticos; así como o deseño dun dispositivo microfluídico para a fabricación simplificada de nanocompostos recubertos con membrana de vesícula extracelular. Neste senso, o profesor Rivas reivindica que “os nanomateriais e os nanodispositivos constitúen unha tecnoloxía fundamental para mellorar a medicina de precisión e os enfoques terapéuticos”.
Nos últimos cinco anos, este é o terceiro proxecto europeo do programa Horizonte 2020 que obtén o grupo de José Rivas, que ten en vigor un cuarto proxecto europeo máis doutro programa.
Máis información: https://cordis.europa.eu/project/id/952183/es