A guía 'Proxecto Decode' profunda na elaboración dun mellor xornalismo especializado en tecnoloxía
A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acaba de publicar unha nova guía realizada polo alumnado da materia ‘Redacción Informativa’ do primeiro curso do grao de Xornalismo, baixo a coordinación dos profesores Xosé López e José Casás e coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). Nesta ocasión, Proxecto Decode. Xornalismo colaborativo e transmediático pola revolución tecnolóxica céntrase na elaboración dun mellor xornalismo especializado en tecnoloxía, no cadro dun contexto no que as tecnoloxías da comunicación e Internet condicionan de xeito substancial a sociedade.
O documento comeza repasando o panorama da evolución do xornalismo dixital e as tecnoloxías da información e a comunicación, tras o que se presenta a situación lexislativa actual sobre a comunicación na Internet e nas redes a nivel global, europeo, estatal, autonómico e local. A continuación, o terceiro apartado, dá consellos sobre temáticas, estilo, personalización de contidos ou estratexias para os comunicadores no mundo dixital; explica como recompilar datos e como utilizar ferramentas como o big data e a intelixencia artificial; introduce os diferentes formatos do xornalismo dixital e ofrece suxestións sobre ciberseguridade.
O seguinte capítulo facilita referencias concretas para a realización de información dixital, dende investigadores expertos en xornalismo tecnolóxico ata institucións, pasando tamén por páxinas de verificación e outras iniciativas, ademais de outras ferramentas para a procura de fontes ou a redacción tecnolóxica. A guía complétase con entrevistas en profundidade a algúns dos xornalistas máis relevantes do mundo dixital galego —Carlos García Verdugo, Marcus Fernández, María Yáñez Anllo e Pablo Grandío— e un glosario dos termos máis frecuentes dun mundo, o da Internet e as redes, en constante actualización.
Proxecto Decode continúa o labor realizado polo alumnado de anos anteriores coa Guía de linguaxe inclusiva e o Proxecto Xermolo. Estes traballos toman como referencia o traballo e o blog de Nacho Mirás, xornalista e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación falecido e forman parte dun conxunto de proxectos en homenaxe ao xornalista, que inclúen tamén a Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis organizada polo CPXG ou a denominación da aula que leva o seu nome na Facultade de Ciencias da Comunicación.