Ir o contido principal

A guía 'Proxecto Decode' profunda na elaboración dun mellor xornalismo especializado en tecnoloxía

Estes traballos toman como referencia o traballo e o blog de Nacho Mirás, xornalista e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación. FOTO: Santi Alvite
Estes traballos toman como referencia o traballo e o blog de Nacho Mirás, xornalista e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación. FOTO: Santi Alvite
Alumnado da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC en colaboración co CPXG deseñou este documento no que, entre outros contidos, achéganse consellos sobre temáticas, estilo, personalización ou estratexias para os comunicadores no mundo dixital
Santiago de Compostela

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acaba de publicar unha nova guía realizada polo alumnado da materia ‘Redacción Informativa’ do primeiro curso do grao de Xornalismo, baixo a coordinación dos profesores Xosé López e José Casás e coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). Nesta ocasión, Proxecto Decode. Xornalismo colaborativo e transmediático pola revolución tecnolóxica céntrase na elaboración dun mellor xornalismo especializado en tecnoloxía, no cadro dun contexto no que as tecnoloxías da comunicación e Internet condicionan de xeito substancial a sociedade.

O documento comeza repasando o panorama da evolución do xornalismo dixital e as tecnoloxías da información e a comunicación, tras o que se presenta a situación lexislativa actual sobre a comunicación na Internet e nas redes a nivel global, europeo, estatal, autonómico e local. A continuación, o terceiro apartado, dá consellos sobre temáticas, estilo, personalización de contidos ou estratexias para os comunicadores no mundo dixital; explica como recompilar datos e como utilizar ferramentas como o big data e a intelixencia artificial; introduce os diferentes formatos do xornalismo dixital e ofrece suxestións sobre ciberseguridade.

O seguinte capítulo facilita referencias concretas para a realización de información dixital, dende investigadores expertos en xornalismo tecnolóxico ata institucións, pasando tamén por páxinas de verificación e outras iniciativas, ademais de outras ferramentas para a procura de fontes ou a redacción tecnolóxica. A guía complétase con entrevistas en profundidade a algúns dos xornalistas máis relevantes do mundo dixital galego —Carlos García Verdugo, Marcus Fernández, María Yáñez Anllo e Pablo Grandío— e un glosario dos termos máis frecuentes dun mundo, o da Internet e as redes, en constante actualización.

Proxecto Decode continúa o labor realizado polo alumnado de anos anteriores coa Guía de linguaxe inclusiva e o Proxecto Xermolo. Estes traballos toman como referencia o traballo e o blog de Nacho Mirás, xornalista e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación falecido e forman parte dun conxunto de proxectos en homenaxe ao xornalista, que inclúen tamén a Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis organizada polo CPXG ou a denominación da aula que leva o seu nome na Facultade de Ciencias da Comunicación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.06.2021.