Pasar al contenido principal

A EPS de Enxeñaría recoñece no Día da Terra o labor de Manuel Cruz a prol dos sectores agroforestal e gandeiro de Galicia

Manuel Cruz recibe de Tomás Cuesta un figura de cerámica, no acto do Día da Terra celebrado na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC
Manuel Cruz recibe de Tomás Cuesta un figura de cerámica, no acto do Día da Terra celebrado na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC
O director dos programas da TVG ‘Labranza’ e ‘O Agro’ salienta a contribución da televisión á transformación experimentada polo sector primario nos últimos 25 anos

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC tributou este xoves, coincidindo coa celebración do Día da Terra, un recoñecemento público a Manuel Cruz Rodríguez, director dos programas da TVG ‘O Agro’ e ‘Labranza’, a xeito de gratitude polo traballo a prol do sector agrogandeiro e forestal de Galicia que vén desenvolvendo na canle de televisión pública autonómica.

O director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, Tomás Cuesta García, que presidiu o acto institucional conmemorativo do Día da Terra, salientou na súa intervención o importante cometido desenvolvido desde hai medio século polo centro universitario lugués en favor da transformación e da modernización dos sectores agrario, forestal e gandeiro de Galicia. Cuesta sinalou asemade que a finalidade do traballo que se realiza na EPSE coincide en gran medida cos dos programas como ‘O Agro’ ou ‘Labranza’, que tamén pretenden ser de “utilidade pública”.

O director dos programas da TVG ‘Labranza’ e ‘O Agro’ abriu a súa intervención cunha lembranza para o seu predecesor á fronte deste espazos informativos, Anxo Vázquez, a quen atribúe o mérito da súa posta en marcha. Manuel Cruz sinalou asemade que se ben “o medio rural é compoñente de seu da identidade de Galicia e da idiosincrasia das súas xentes, con este tipo de programas informativos pretendemos achegar á poboación as distintas técnicas e tecnoloxías de produción, desde as máis antigas ata as de vangarda”.

Unha vez rematada a quenda de intervencións, os profesores na EPS de Enxeñaría e directores dos departamentos de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, Martín Barrasa, e Enxeñaría Agroforestal, Pablo Vila Lameiro, entregaron cadanseu certificado de agradecemento a Manuel Cruz, que tamén recibiu como agasallo un figura cerámica de mans de Tomás Cuesta.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.04.2018.