A EPS de Enxeñaría recoñece no Día da Terra o labor de Manuel Cruz a prol dos sectores agroforestal e gandeiro de Galicia
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC tributou este xoves, coincidindo coa celebración do Día da Terra, un recoñecemento público a Manuel Cruz Rodríguez, director dos programas da TVG ‘O Agro’ e ‘Labranza’, a xeito de gratitude polo traballo a prol do sector agrogandeiro e forestal de Galicia que vén desenvolvendo na canle de televisión pública autonómica.
O director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, Tomás Cuesta García, que presidiu o acto institucional conmemorativo do Día da Terra, salientou na súa intervención o importante cometido desenvolvido desde hai medio século polo centro universitario lugués en favor da transformación e da modernización dos sectores agrario, forestal e gandeiro de Galicia. Cuesta sinalou asemade que a finalidade do traballo que se realiza na EPSE coincide en gran medida cos dos programas como ‘O Agro’ ou ‘Labranza’, que tamén pretenden ser de “utilidade pública”.
O director dos programas da TVG ‘Labranza’ e ‘O Agro’ abriu a súa intervención cunha lembranza para o seu predecesor á fronte deste espazos informativos, Anxo Vázquez, a quen atribúe o mérito da súa posta en marcha. Manuel Cruz sinalou asemade que se ben “o medio rural é compoñente de seu da identidade de Galicia e da idiosincrasia das súas xentes, con este tipo de programas informativos pretendemos achegar á poboación as distintas técnicas e tecnoloxías de produción, desde as máis antigas ata as de vangarda”.
Unha vez rematada a quenda de intervencións, os profesores na EPS de Enxeñaría e directores dos departamentos de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, Martín Barrasa, e Enxeñaría Agroforestal, Pablo Vila Lameiro, entregaron cadanseu certificado de agradecemento a Manuel Cruz, que tamén recibiu como agasallo un figura cerámica de mans de Tomás Cuesta.