A Cátedra RTVE-USC comeza as súas actividades de divulgación no Día da Liberdade de Prensa
O 3 de maio é a data na que se celebran os principios fundamentais da liberdade de prensa. Co gallo desta efeméride que tamén se corresponde coa festividade da Facultade de Ciencias da Comunicación, a Cátedra RTVE-USC sobre Medios de Servizo Público en Europa bota a andar a súa actividade de investigación, divulgación e transferencia.
Os espazos informativos das radiotelevisións públicas e a innovación que están a implementar nesta área, así como o valor público e a relación coas novas audiencias conforman os eidos de investigación desta Cátedra institucional da USC. Neste marco de colaboración, USC e RTVE avanzarán na identificación de casos de éxito que permitan derivar estratexias dirixidas ao reforzo do sistema audiovisual público.
Deste xeito, a web da Cátedra, así como os seus perfís nas redes sociais Twitter e Linkedin difunden xa contidos relativos ao eido de actuación da Cátedra. Neste senso, Chaja Libot, investigadora de usuarios na VRT, a radiotelevisión pública flamenca, inaugura as conversas dos 'Innovation Meetings', unha serie de encontros con profesionais das radiotelevisións públicas europeas.
Indicadores e propostas
O reitor Antonio López e o presidente de Radio Televisión Española (RTVE), José Manuel Pérez Tornero, asinaron en novembro de 2021, un convenio de colaboración para a creación da Cátedra RTVE-USC, dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación, José Miguel Túñez López. A Cátedra traballará nunha definición do concepto de Servizo público, cales son os indicadores que o definen e en facer propostas a RTVE para avanzar neste ámbito. “Asumimos como un reto poder traballar neste ámbito”, explica o profesor Túñez.
Unha das metas contempladas no convenio é a análise da evolución no ámbito informativo dos medios de servizo público europeos, mediante unha vixilancia periódica de formatos de programas, así como a identificación e o estudo de casos de éxito. Tamén se aborda a través desta cátedra institucional, o valor público nos medios europeos e, en particular, en RTVE.