Ir o contido principal

A Cátedra RTVE-USC comeza as súas actividades de divulgación no Día da Liberdade de Prensa

Chaja Libot, investigadora de usuarios na VRT, conversa co subdirector da Cátedra, Martín Vaz
Chaja Libot, investigadora de usuarios na VRT, conversa co subdirector da Cátedra, Martín Vaz
Chaja Libot, investigadora de usuarios na VRT, a radiotelevisión pública flamenca, inaugura as conversas dos 'Innovation Meetings', unha serie de encontros con profesionais das radiotelevisións públicas europeas
Santiago de Compostela

O 3 de maio é a data na que se celebran os principios fundamentais da liberdade de prensa. Co gallo desta efeméride que tamén se corresponde coa festividade da Facultade de Ciencias da Comunicación, a Cátedra RTVE-USC sobre Medios de Servizo Público en Europa bota a andar a súa actividade de investigación, divulgación e transferencia.

Os espazos informativos das radiotelevisións públicas e a innovación que están a implementar nesta área,  así como o valor público e a relación coas novas audiencias conforman os eidos de investigación desta Cátedra institucional da USC. Neste marco de colaboración, USC e RTVE avanzarán na identificación de casos de éxito que permitan derivar estratexias dirixidas ao reforzo do sistema audiovisual público.

Deste xeito, a web da Cátedra, así como os seus perfís nas redes sociais Twitter e Linkedin difunden xa contidos relativos ao eido de actuación da Cátedra. Neste senso, Chaja Libot, investigadora de usuarios na VRT, a radiotelevisión pública flamenca, inaugura as conversas dos 'Innovation Meetings', unha serie de encontros con profesionais das radiotelevisións públicas europeas.

Indicadores e propostas

O reitor Antonio López e o  presidente de Radio Televisión Española (RTVE), José Manuel Pérez Tornero, asinaron en novembro de 2021, un convenio de colaboración para a creación da Cátedra RTVE-USC, dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación, José Miguel Túñez López. A Cátedra traballará nunha definición do concepto de Servizo público, cales son os indicadores que o definen e en facer propostas a RTVE para avanzar neste ámbito. “Asumimos como un reto poder traballar neste ámbito”, explica o profesor Túñez.  

Unha das metas contempladas no convenio é a análise da evolución no ámbito informativo dos medios de servizo público europeos, mediante unha vixilancia periódica de formatos de programas, así como a identificación e o estudo de casos de éxito. Tamén se aborda a través desta cátedra institucional, o valor público nos medios  europeos e, en particular, en RTVE.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.05.2022.