Pasar al contenido principal

Unha xornada profunda na submisión química e nas agresións dixitais como novas formas de violencia sexual

A xornada desenvolveuse en Ciencias da Comunicación. FOTO: Santi Alvite
A xornada desenvolveuse en Ciencias da Comunicación. FOTO: Santi Alvite
Como actuar ante un caso de submisión, cales son as súas consecuencias psicolóxicas ou mesmo a reflexión sobre o seu tratamento mediático foron algunhas das cuestión tratadas nos relatorios que se desenvolveron en Ciencias da Comunicación
Santiago de Compostela

As novas violencias sexuais foron obxecto de análise nun foro que se desenvolveu este venres, 11 de novembro, e que profundou en cuestións como a submisión química ou as agresións dixitais. A Facultade de Ciencias da Comunicación acolleu esta xornada na que se deron cita preto dun cento de asistentes. A apertura do acto estivo presidida pola delegada do Reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro.

Francisco José Aramburu Vilariño, director de Urxencias do CHOU, presentou a guía de actuación ante un caso de submisión química. A continuación, Inés Sánchez Sellero, profesora da Facultade de Medicina da USC, abordou este tipo de submisión dende unha perspectiva toxicolóxica. A quenda de mañá pechouna Cláudia Morán Mato, integrante da asociación Xornalistas Galegas, quen reflexionou sobre o tratamento mediático que se lle está a dar ás picadas que sofren cada vez máis mulleres.

A sesión de tarde bota a andar coa intervención de Sara Purcell Sobrino, da Unidade de Atención Psicolóxica da USC, para abordar as consecuencias psicolóxicas que están a ocasionar estas novas formas de violencia. As estratexias de violencia en liña é o eido no que se centra a intervención de Patricia Alonso Ruído, profesora da Facultade de Ciencias da Educación da USC. Finalmente, Ana López-Suevos, maxistarda titular do xulgado de instrución número 1 de Santiago de Compostela, pecha a xornada coa análise dos retos actuais para a mellora da investigación dos delitos sexuais e do tratamento ás vítimas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.12.2022.