Unha xornada profunda na submisión química e nas agresións dixitais como novas formas de violencia sexual
As novas violencias sexuais foron obxecto de análise nun foro que se desenvolveu este venres, 11 de novembro, e que profundou en cuestións como a submisión química ou as agresións dixitais. A Facultade de Ciencias da Comunicación acolleu esta xornada na que se deron cita preto dun cento de asistentes. A apertura do acto estivo presidida pola delegada do Reitor para a Igualdade, Marta Pérez Pereiro.
Francisco José Aramburu Vilariño, director de Urxencias do CHOU, presentou a guía de actuación ante un caso de submisión química. A continuación, Inés Sánchez Sellero, profesora da Facultade de Medicina da USC, abordou este tipo de submisión dende unha perspectiva toxicolóxica. A quenda de mañá pechouna Cláudia Morán Mato, integrante da asociación Xornalistas Galegas, quen reflexionou sobre o tratamento mediático que se lle está a dar ás picadas que sofren cada vez máis mulleres.
A sesión de tarde bota a andar coa intervención de Sara Purcell Sobrino, da Unidade de Atención Psicolóxica da USC, para abordar as consecuencias psicolóxicas que están a ocasionar estas novas formas de violencia. As estratexias de violencia en liña é o eido no que se centra a intervención de Patricia Alonso Ruído, profesora da Facultade de Ciencias da Educación da USC. Finalmente, Ana López-Suevos, maxistarda titular do xulgado de instrución número 1 de Santiago de Compostela, pecha a xornada coa análise dos retos actuais para a mellora da investigación dos delitos sexuais e do tratamento ás vítimas.