Pasar al contenido principal

Tastelab busca padais para degustar novos alimentos, catar sabores e detallar os seus matices

Cartaz da xornada de cata organizada por Tastelab na Facultade de Veterinaria de Lugo
Cartaz da xornada de cata organizada por Tastelab na Facultade de Veterinaria de Lugo
A spin-off da USC celebra o 31 de maio unha sesión na sala de catas de Veterinaria. A inscrición está aberta en info@tastelab.es e nos teléfonos 982 818 019 e 673 380 688

A spin-off do Campus Terra da USC Tastelab, unha empresa especializada en tecnoloxía de análise sensorial que ofrece os seus servizos á industria alimentaria, pero tamén a todos aqueles axentes interesados en coñecer os gustos e preferencias dos consumidores a fin de integralos no desenvolvemento dos seus respectivos produtos, busca padais para cata novos sabores e contribuír a detallar os seus matices.

A nova acción promovida pola empresa que dirixe Maruxa García desenvolverase o vindeiro 31 de maio, a partir das 18.00 horas, na sala de catas da Facultade de Veterinaria de Lugo, e está orientada a persoas que lles gusta degustar novos produtos alimentarios, apreciar os seus sabores e dar a súa opinión respecto dos matices que aprecian os seus padais.

Esta xornada está aberta á participación de todas aquelas persoas que estean interesadas en probar novos produtos para logo ofrecer a súa opinión ao respecto. Trátase dunha primeira sesión que se encadra na fase inicial do proceso de análise sensorial que se prolongará durante unha duración de dúas horas e que permitirá aos responsables de Tastelab seleccionar ao número de candidatos e candidatas acaídos/as para, a despois, conformar un panel de catadores máis experimentados.

As persoas que estean interesadas en participar neste proceso poden formalizar xa a súa inscrición de balde a través do enderezo de correo electrónico info [at] tastelab.es (info[at]tastelab[dot]es) ou tamén a través dos números de teléfono 982 818 019 e 673 380 688. Tamén se pode obter máis información respecto da actividade da empresa na web www.tastelab.es.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.05.2018.