Tastelab busca padais para degustar novos alimentos, catar sabores e detallar os seus matices
A spin-off do Campus Terra da USC Tastelab, unha empresa especializada en tecnoloxía de análise sensorial que ofrece os seus servizos á industria alimentaria, pero tamén a todos aqueles axentes interesados en coñecer os gustos e preferencias dos consumidores a fin de integralos no desenvolvemento dos seus respectivos produtos, busca padais para cata novos sabores e contribuír a detallar os seus matices.
A nova acción promovida pola empresa que dirixe Maruxa García desenvolverase o vindeiro 31 de maio, a partir das 18.00 horas, na sala de catas da Facultade de Veterinaria de Lugo, e está orientada a persoas que lles gusta degustar novos produtos alimentarios, apreciar os seus sabores e dar a súa opinión respecto dos matices que aprecian os seus padais.
Esta xornada está aberta á participación de todas aquelas persoas que estean interesadas en probar novos produtos para logo ofrecer a súa opinión ao respecto. Trátase dunha primeira sesión que se encadra na fase inicial do proceso de análise sensorial que se prolongará durante unha duración de dúas horas e que permitirá aos responsables de Tastelab seleccionar ao número de candidatos e candidatas acaídos/as para, a despois, conformar un panel de catadores máis experimentados.
As persoas que estean interesadas en participar neste proceso poden formalizar xa a súa inscrición de balde a través do enderezo de correo electrónico info [at] tastelab.es (info[at]tastelab[dot]es) ou tamén a través dos números de teléfono 982 818 019 e 673 380 688. Tamén se pode obter máis información respecto da actividade da empresa na web www.tastelab.es.