Pasar al contenido principal

Aberto ata o 23 de febreiro o prazo para solicitar as prácticas extracurriculares do Consello Social

Alumnas por un dos corredores da USC. FOTO: Santi Alvite
Alumnas por un dos corredores da USC. FOTO: Santi Alvite
O órgano colexiado premiará con 1.500 euros ao/á estudante mellor valorado/a na realización das prácticas
Lugo, Santiago de Compostela

O Consello Social acaba de publicar unha nova convocatoria de prácticas extracurriculares cuxo prazo para presentar solicitudes esténdese ata o vindeiro 23 de febreiro. O período de prácticas terá unha duración mínima de 125 horas (5 ECTS) e máxima de 750 horas (30 ECTS) a realizar no prazo máximo de seis meses. Na solicitude poderá indicarse ata un máximo de tres ofertas por orde de preferencia.

O órgano colexiado premiará tamén ao/á estudante mellor valorado/a por parte do/a titor/a externo/a na realización das prácticas. O premio consistirá na entrega dun diploma por parte da presidenta do Consello Social e unha dotación económica de 1.500 euros que será outorgado no mes de maio de 2022.

Os graos para os que se oferta praza son Administración e Dirección de Empresas,  Bioloxía, Dereito, Economía, Empresa e Tecnoloxía, Enfermaría, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Civil, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Química, Historia, Historia da Arte, Matemáticas, Nutrición Humana e Dietética, Óptica, Química, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Traballo Social e Veterinaria. Ademais ofértanse prácticas a alumnado dos mestrados en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, Enxeñaría Agronómica e Enxeñaría Química e de Bioprocesos.

O Consello Social é o órgano de participación da sociedade galega na Universidade que ten como finalidade impulsar a colaboración entre ambas para mellorar a calidade do servizo público da educación superior universitaria, contribuindo ao desenvolvemento social, económico, tecnolóxico, científico e cultural de Galicia e á mellora da calidade do servizo público da educación superior universitaria.

Asemade, correspóndelle ao Consello Social a supervisión das actividades de carácter económico da Universidade, do rendemento dos seus servizos así como promover a colaboración da sociedade no financiamento da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.02.2023.