Pasar al contenido principal

O Plan de Memoria Democrática avanzou en 2022 na identificación das vítimas da violencia franquista

Traballos na fosa do cemiterio de San Breixo (Celanova, Ourense)
Traballos na fosa do cemiterio de San Breixo (Celanova, Ourense)
Especialistas en historia e arqueoloxía, así como forenses e xenetistas pecharon os expedientes relativos ás exhumacións realizadas en Celanova, A Capela e Vilacoba (Lousame)
Santiago de Compostela

O grupo de traballo da USC formado por especialistas en historia e arqueoloxía, así como por forenses e xenetistas pechou os expedientes relativos ás exhumacións realizadas en Celanova, A Capela e Vilacoba (Lousame) ao longo de 2022 no marco dos traballos do Plan de Memoria Democrática. O devandito plan artéllase en tres eixos: localización, exhumación e identificación de vítimas; divulgación de traballos efectuados e resultados conseguidos; e recoñecemento e sinalización dos lugares de enterramento e promoción dos lugares de memoria.

San Breixo

Na fosa do cemiterio de San Breixo (Celanova, Ourense), a investigación histórica partiu da demanda de dúas familias que buscaban a Marcelino Fernández e Abelardo Suárez, ambos veciños de Xixón que fuxiron ante a inminente toma por parte dos sublevados cara a finais de outubro de 1937. Foron xulgados en diferentes xuízos en Camposancos e, posteriormente, foron trasladados, xunto con outros cinco individuos (tamén veciños de Xixón e cun periplo vital moi semellante) á prisión de Celanova. Os sete foron condenados a pena de morte e, tras pasar máis de seis meses recluídos na vila ourensá, as autoridades militares ordenaron a execución.

A análise forense dos restos exhumados confirmou as identidades dos dous desaparecidos. Os restos de Marcelino Fernández García correspóndense co Individuo 3 exhumado e os restos de Abelardo Suárez do Busto correspóndense co individuo 9. Os restos de Marcelino Fernández García presentan sinais de violencia no cranio e pescozo con, polo menos, dous disparos de arma de fogo. Os restos de Abelardo Suárez do Busto presentan sinais de violencia no cranio e no resto do corpo cun patrón de morte xudicial, é dicir con lesións por fusilamento e tiro de graza na cabeza. As dúas mortes foron violentas de tipo homicida, tal e como conclúe o estudo.

Vilacoba-Lousame

Manuel García Hermo, Perfecto Félix Vilas Romero, seu irmán, Antonio, María Josefa Becerra Laíño e Avelino Méndez Suárez eran as persoas buscadas na fosa do Cemiterio de Vilacoba-Lousame (A Coruña). Todas elas foron asasinadas a consecuencia de "paseos" en diferentes momentos da retagarda: a finais de agosto de 1936, a finais de febreiro de 1938 e cara ao final da guerra. A intervención arqueolóxica executouse en catro sectores diferentes. Os resultados negativos na primeira área demandaron abrir novos espazos, incluso con ampliacións, nos que se recuperaron e exhumaron os restos dun individuo adulto, de sexo masculino e de mediana idade. O estudio xenético permitiu excluír que os devanditos restos pertenzan a Manuel García Hermo, dada a incompatibilidade nun total de 5 e 7 marcadores xenéticos, analizados en dous restos óseos diferentes.

A Capela

Finalemente, a investigación histórica profundou nas historias de Joaquín Antón Rodeiro, Francisco Guerreiro Guerreiro, Manuel Franco Bermúdez, Ramón Agras Fernández, Manuel Prado Allegue e dos irmáns Sardiña Navarro (Celestino e Ramón). Todos eles foron asasinados cun día de diferencia no mes de agosto de 1936 e enterrados no cemiterio da Capela.  Os datos achegados pola prospección xeo-radar amosan a complexidade da disposición do subsolo das áreas exploradas do cemiterio (antiga parte civil e eclesiástica). Isto dificulta a identificación de elementos compatibles cos enterramentos que se procuraban.

Equipo

O Plan de Memoria Democrática de Galicia é froito da sinerxía entre USC; Vicepresidencia segunda e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes; e a Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia para a realización das actuacións dentro do Plan Cuadrienal 2021/2024 de Memoria Democrática de Galicia.

Nas diferentes tarefas a realizar colaboran o grupo HISTAGRA, coordinado polo catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto; o grupo SÍNCRISIS, do que forma parte, como coordinador do equipo de arqueólogos, o profesor José Carlos Sánchez Pardo; o antropólogo forense, Fernando Serrulla, do IMELGA; e o equipo do xenetista Ángel Carracedo, que se ocupa do cotexo xenético cos familiares dos e das asasinadas. Os traballos arqueolóxicos están levados a cabo por Tempos Arqueólogos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.04.2023.