O Plan de Memoria Democrática avanzou en 2022 na identificación das vítimas da violencia franquista
O grupo de traballo da USC formado por especialistas en historia e arqueoloxía, así como por forenses e xenetistas pechou os expedientes relativos ás exhumacións realizadas en Celanova, A Capela e Vilacoba (Lousame) ao longo de 2022 no marco dos traballos do Plan de Memoria Democrática. O devandito plan artéllase en tres eixos: localización, exhumación e identificación de vítimas; divulgación de traballos efectuados e resultados conseguidos; e recoñecemento e sinalización dos lugares de enterramento e promoción dos lugares de memoria.
San Breixo
Na fosa do cemiterio de San Breixo (Celanova, Ourense), a investigación histórica partiu da demanda de dúas familias que buscaban a Marcelino Fernández e Abelardo Suárez, ambos veciños de Xixón que fuxiron ante a inminente toma por parte dos sublevados cara a finais de outubro de 1937. Foron xulgados en diferentes xuízos en Camposancos e, posteriormente, foron trasladados, xunto con outros cinco individuos (tamén veciños de Xixón e cun periplo vital moi semellante) á prisión de Celanova. Os sete foron condenados a pena de morte e, tras pasar máis de seis meses recluídos na vila ourensá, as autoridades militares ordenaron a execución.
A análise forense dos restos exhumados confirmou as identidades dos dous desaparecidos. Os restos de Marcelino Fernández García correspóndense co Individuo 3 exhumado e os restos de Abelardo Suárez do Busto correspóndense co individuo 9. Os restos de Marcelino Fernández García presentan sinais de violencia no cranio e pescozo con, polo menos, dous disparos de arma de fogo. Os restos de Abelardo Suárez do Busto presentan sinais de violencia no cranio e no resto do corpo cun patrón de morte xudicial, é dicir con lesións por fusilamento e tiro de graza na cabeza. As dúas mortes foron violentas de tipo homicida, tal e como conclúe o estudo.
Vilacoba-Lousame
Manuel García Hermo, Perfecto Félix Vilas Romero, seu irmán, Antonio, María Josefa Becerra Laíño e Avelino Méndez Suárez eran as persoas buscadas na fosa do Cemiterio de Vilacoba-Lousame (A Coruña). Todas elas foron asasinadas a consecuencia de "paseos" en diferentes momentos da retagarda: a finais de agosto de 1936, a finais de febreiro de 1938 e cara ao final da guerra. A intervención arqueolóxica executouse en catro sectores diferentes. Os resultados negativos na primeira área demandaron abrir novos espazos, incluso con ampliacións, nos que se recuperaron e exhumaron os restos dun individuo adulto, de sexo masculino e de mediana idade. O estudio xenético permitiu excluír que os devanditos restos pertenzan a Manuel García Hermo, dada a incompatibilidade nun total de 5 e 7 marcadores xenéticos, analizados en dous restos óseos diferentes.
A Capela
Finalemente, a investigación histórica profundou nas historias de Joaquín Antón Rodeiro, Francisco Guerreiro Guerreiro, Manuel Franco Bermúdez, Ramón Agras Fernández, Manuel Prado Allegue e dos irmáns Sardiña Navarro (Celestino e Ramón). Todos eles foron asasinados cun día de diferencia no mes de agosto de 1936 e enterrados no cemiterio da Capela. Os datos achegados pola prospección xeo-radar amosan a complexidade da disposición do subsolo das áreas exploradas do cemiterio (antiga parte civil e eclesiástica). Isto dificulta a identificación de elementos compatibles cos enterramentos que se procuraban.
Equipo
O Plan de Memoria Democrática de Galicia é froito da sinerxía entre USC; Vicepresidencia segunda e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes; e a Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia para a realización das actuacións dentro do Plan Cuadrienal 2021/2024 de Memoria Democrática de Galicia.
Nas diferentes tarefas a realizar colaboran o grupo HISTAGRA, coordinado polo catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto; o grupo SÍNCRISIS, do que forma parte, como coordinador do equipo de arqueólogos, o profesor José Carlos Sánchez Pardo; o antropólogo forense, Fernando Serrulla, do IMELGA; e o equipo do xenetista Ángel Carracedo, que se ocupa do cotexo xenético cos familiares dos e das asasinadas. Os traballos arqueolóxicos están levados a cabo por Tempos Arqueólogos.