Pasar al contenido principal

A USC mantén vivo o recordo e o legado de Ana Goy Diz cunha emotiva homenaxe en Humanidades

Antonio Rodríguez, Gonzalo Fernández, Antonio López, Encarna Lago e Juan Manuel Monterroso, na Facultade de Humanidades
Antonio Rodríguez, Gonzalo Fernández, Antonio López, Encarna Lago e Juan Manuel Monterroso, na Facultade de Humanidades
O reitor Antonio López salienta o carácter “esencial” das Humanidades no acto académico da festividade de San Isidoro no centro universitario lugués, cuxo salón de actos pasa a levar o nome da profesora, investigadora e académica Ana Goy Diz
Lugo

A USC mantén vivo o recordo e o legado da profesora e académica de Belas Artes Ana Goy Diz, finada en 2022, coa celebración dunha emotiva homenaxe na Facultade de Humanidades coincidindo coa festividade do seu patrón, San Isidoro de Sevilla. O reitor da USC, Antonio López, presidiu este mércores a sesión, que citou unha ampla representación institucional, tanto académica como da sociedade civil, no salón de actos do centro universitario lugués, o escenario que hai uns meses acolleu o ingreso de Goy Diz na Real Academia Galega de Belas Artes e que, a partir de agora, pasa a levar o seu nome.

A lembranza e a fonda pegada deixada por Ana Goy Diz na Facultade de Humanidades de Lugo, “a súa segunda casa”, precisou o decano do centro, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, e no conxunto da USC, presidiu unha sesión académica que serviu tamén para poñer en valor a importancia da arte no seu contexto e o carácter esencial das Humanidades, segundo subliou o reitor Antonio López.

As vivencias compartidas, os proxectos e as investigacións desenvolvidas por Ana Goy ao longo da súa traxectoria centraron boa parte das intervencións dos distintos relatores, que coincidiron en subliñar “o compromiso de Goy Diz” con todo o que facía e rodeaba. Esta idea lanzada inicialmente polo decano da Facultade de Humanidades, foi logo reiterada polo profesor do Departamento de Historia da Arte e compoñente do grupo de investigación Iacobus da USC, Juan Manuel Monterroso Montero, así como polo tamén catedrático da USC xa xubilado, Antonio Rodríguez Colmenero e mesmo pola xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago.

Alén das lembranzas, o acto académico celebrado na Facultade de Humanidades da USC serviu tamén para poñer en valor algunhas das achegas científicas e académicas realizadas por Goy Diz, un amplo abano de accións entre as que se citaron as súas contribucións para a elaboración dos informes presentados á Unesco coas candidaturas da Torre de Hércules e da Ribeira Sacra para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, a organización de congresos e reunións científicas e mesmo a articulación do actual grao en Xestión Cultural.

O acto académico da festividade de San Isidoro chegou ao seu colofón coa entrega dos premios extraordinarios de grao e mestrado do curso 2021-2022, unhas distincións que recaeron nas tituladas no grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, nas modalidade presencial e semipresencial, Virgina Mosteiro Cagide e María Anhjara Gómez Rodríguez, respectivamente, así como na titulada no mestrado en Servizos Culturais Ariadna Silva Fernández. Acto seguido, José López Carro, Waldo López Goy e Ana López Goy descubriron a placa con nome de Ana Goy Diz na entrada do salón de actos do centro.

Ampla representación institucional

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; o adxunto á citada vicerreitoría, Antonio Álvarez; a delegada do Reitor para o Campus Terra, Elvira López; decanos e directores das facultades e escolas universitarias do Campus de Lugo, ademais dunha ampla representación do profesorado da Facultade de Humanidades, participaron este mércores no acto académico de San Isidoro e de homanexa a Ana Goy.

A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, e representantes dos distintos grupos políticos municipais tamén participaron nesta sesión, na que tamén estiveron presentes a directora Xeral de Patrimonio, Carmen Martínez Insua; a Xefa Territorial de Cultura, educación, Formación Profesional e Universidade en Lugo, María José Gómez Rodríguez, e, entre outros, o bispo de Lugo, Monseñor Alfonso Carrasco Rouco.

Famailiares e asistentes ao acto de homenaxe a Ana Goy Diz na Facultade de Humanidades
Famailiares e asistentes ao acto de homenaxe a Ana Goy Diz na Facultade de Humanidades
Participantes no acto académico da festividade de San Isidoro, na Facultade de Humanidades
Participantes no acto académico da festividade de San Isidoro, na Facultade de Humanidades
Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.05.2023.