A USC mantén vivo o recordo e o legado de Ana Goy Diz cunha emotiva homenaxe en Humanidades
A USC mantén vivo o recordo e o legado da profesora e académica de Belas Artes Ana Goy Diz, finada en 2022, coa celebración dunha emotiva homenaxe na Facultade de Humanidades coincidindo coa festividade do seu patrón, San Isidoro de Sevilla. O reitor da USC, Antonio López, presidiu este mércores a sesión, que citou unha ampla representación institucional, tanto académica como da sociedade civil, no salón de actos do centro universitario lugués, o escenario que hai uns meses acolleu o ingreso de Goy Diz na Real Academia Galega de Belas Artes e que, a partir de agora, pasa a levar o seu nome.
A lembranza e a fonda pegada deixada por Ana Goy Diz na Facultade de Humanidades de Lugo, “a súa segunda casa”, precisou o decano do centro, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, e no conxunto da USC, presidiu unha sesión académica que serviu tamén para poñer en valor a importancia da arte no seu contexto e o carácter esencial das Humanidades, segundo subliou o reitor Antonio López.
As vivencias compartidas, os proxectos e as investigacións desenvolvidas por Ana Goy ao longo da súa traxectoria centraron boa parte das intervencións dos distintos relatores, que coincidiron en subliñar “o compromiso de Goy Diz” con todo o que facía e rodeaba. Esta idea lanzada inicialmente polo decano da Facultade de Humanidades, foi logo reiterada polo profesor do Departamento de Historia da Arte e compoñente do grupo de investigación Iacobus da USC, Juan Manuel Monterroso Montero, así como polo tamén catedrático da USC xa xubilado, Antonio Rodríguez Colmenero e mesmo pola xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago.
Alén das lembranzas, o acto académico celebrado na Facultade de Humanidades da USC serviu tamén para poñer en valor algunhas das achegas científicas e académicas realizadas por Goy Diz, un amplo abano de accións entre as que se citaron as súas contribucións para a elaboración dos informes presentados á Unesco coas candidaturas da Torre de Hércules e da Ribeira Sacra para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, a organización de congresos e reunións científicas e mesmo a articulación do actual grao en Xestión Cultural.
O acto académico da festividade de San Isidoro chegou ao seu colofón coa entrega dos premios extraordinarios de grao e mestrado do curso 2021-2022, unhas distincións que recaeron nas tituladas no grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, nas modalidade presencial e semipresencial, Virgina Mosteiro Cagide e María Anhjara Gómez Rodríguez, respectivamente, así como na titulada no mestrado en Servizos Culturais Ariadna Silva Fernández. Acto seguido, José López Carro, Waldo López Goy e Ana López Goy descubriron a placa con nome de Ana Goy Diz na entrada do salón de actos do centro.
Ampla representación institucional
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; o adxunto á citada vicerreitoría, Antonio Álvarez; a delegada do Reitor para o Campus Terra, Elvira López; decanos e directores das facultades e escolas universitarias do Campus de Lugo, ademais dunha ampla representación do profesorado da Facultade de Humanidades, participaron este mércores no acto académico de San Isidoro e de homanexa a Ana Goy.
A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, e representantes dos distintos grupos políticos municipais tamén participaron nesta sesión, na que tamén estiveron presentes a directora Xeral de Patrimonio, Carmen Martínez Insua; a Xefa Territorial de Cultura, educación, Formación Profesional e Universidade en Lugo, María José Gómez Rodríguez, e, entre outros, o bispo de Lugo, Monseñor Alfonso Carrasco Rouco.