A Sociedade Galega de Ciencia do Solo cita máis de 30 investigadores de seis países no Xeoparque Cabo Ortegal
A delegación territorial galega da Sociedade Española de Ciencia do Solo (SECS-Galicia) reúne desde este venres ata o domingo 11 de xuño no Xeoparque Cabo Ortegal uns 35 investigadores, algúns galegos e outros procedentes de Brasil, Israel, Ecuador, Tunes e Italia, nunhas xornadas técnicas orientadas a afondar no coñecemento e na divulgación das singularidades que presentan os solos deste Xeoparque Mundial da Unesco.
O presidente da delegación territorial da SECS-Galicia, Xosé Lois Otero, quen tamén coordina a Rede de Estacións Biolóxicas (REBUSC), inaugurará este venres, a partir das 17.15 horas, na sala Áncora do Concello de Cedeira, o programa científico no marco dunha sesión institucional na que tamén participarán representantes dos sete municipios sobre os que se estende o Xeoparque Cabo Ortegal (Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño), así como o seu presidente, o alcalde de Cerdido, Benigno Galego Castro.
O doutor en Xeoloxía e un dos principais es impulsores deste xeoparque, Francisco Canosa, abrirá a quenda de relatorios cunha conferencia titulada ‘Chaves xeolóxicas para entender a relevancia do complexo xeolóxico da Serra da Capelada-Cabo Ortegal’. De seguido, Dafna Casaretto, do Departamento de Conservación do Solo e Drenaxes, Estudo de Solos e Sistemas de Información Xeográfica, dependente do. Ministerio de Agricultura e Desenvolvemento Rural de Israel, ofrecerá a charla ‘Paisaxes de Israel, solos e agricultura’. O profesor do departamento de Solos da Universidade de Sao Paulo Tiago O. Ferreira pechará esta quenda de intervencións cunha exposición sobre a bioxeoquímica de solos de áreas húmidas da costa brasileira.
Logo desta primeira xornada de sesións expositivas, o programa do evento científico, a través do que se pretende render homenaxe á profesora da USC xa finada Benita Silva Hermo, continuará durante a fin de semana coa organización de visitas técnicas a diversos enclaves da controna de especial interese xeolóxico, petrolóxico e xeomorfolóxico, ao tempo que se debaterá sobre os procesos formadores dos solos da serra da Capelada.
Singularidades dun xeoparque
Un Xeoparque é unha parte do territorio que inclúe paisaxes e lugares con relevancia xeolóxica internacional, e que debe ser xestionado integrando criterios de protección ambiental, divulgación e desenvolvemento sostible, sinala o profesor Xosé Lois Otero, para quen os valores ambientais, especialmente os xeolóxicos, que conflúen na Serra da Capelada e en Cabo Ortegal, confírenlle unha relevancia internacional a este territorio.
Este complexo xeolóxico, engade o presidente da delegación territorial da Sociedade Española de Ciencias do Solo de Galicia, presenta un conxunto de rochas que son extremadamente raras na superficie terrestre. Son rochas e formacións xeolóxicas, precisa, propias do manto superior e da parte profunda da codia terrestre, situada a uns 40-100 km de profundidade, pero que no Xeoparque de Cabo Ortegal aparecen en superficie, explica Otero.
O tamén coordinador da Rede de Estacións Biolóxicas da USC subliña que, do mesmo xeito que as rochas, os solos deste xeoparque amosan unha serie de propiedades e características pouco comúns fóra deste contexto xeolóxico. De especial interese, salienta, son os solos desenvolvidos sobre as peridotitas serpentinizadas, anfibolitas e granulitas.