Ir o contido principal

A Sociedade Galega de Ciencia do Solo cita máis de 30 investigadores de seis países no Xeoparque Cabo Ortegal

Vistas de solos rocosos do Xeoparque Cabo Ortegal
Vistas de solos rocosos do Xeoparque Cabo Ortegal
O programa coordinado polo profesor da USC Xosé Lois Otero e organizado pola delegación territorial da Sociedade Española de Ciencias do Solo (SECS- Galicia) para afondar sobre o coñecemento dos solos galegos, comeza este venres con tres relatorios e inclúe dúas xornadas de visitas técnicas por concellos sobre os que se estende este Xeoparque Mundial da Unesco
Lugo, Santiago de Compostela

A delegación territorial galega da Sociedade Española de Ciencia do Solo (SECS-Galicia) reúne desde este venres ata o domingo 11 de xuño no Xeoparque Cabo Ortegal uns 35 investigadores, algúns galegos e outros procedentes de Brasil, Israel, Ecuador, Tunes e Italia, nunhas xornadas técnicas orientadas a afondar no coñecemento e na divulgación das singularidades que presentan os solos deste Xeoparque Mundial da Unesco.

O presidente da delegación territorial da SECS-Galicia, Xosé Lois Otero, quen tamén coordina a Rede de Estacións Biolóxicas (REBUSC), inaugurará este venres, a partir das 17.15 horas, na sala Áncora do Concello de Cedeira, o programa científico no marco dunha sesión institucional na que tamén participarán representantes dos sete municipios sobre os que se estende o Xeoparque Cabo Ortegal (Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño), así como o seu presidente, o alcalde de Cerdido, Benigno Galego Castro.

O doutor en Xeoloxía e un dos principais es impulsores deste xeoparque, Francisco Canosa, abrirá a quenda de relatorios cunha conferencia titulada ‘Chaves xeolóxicas para entender a relevancia do complexo xeolóxico da Serra da Capelada-Cabo Ortegal’. De seguido, Dafna Casaretto, do Departamento de Conservación do Solo e Drenaxes, Estudo de Solos e Sistemas de Información Xeográfica, dependente do. Ministerio de Agricultura e Desenvolvemento Rural de Israel, ofrecerá a charla ‘Paisaxes de Israel, solos e agricultura’. O profesor do departamento de Solos da Universidade de Sao Paulo Tiago O. Ferreira pechará esta quenda de intervencións cunha exposición sobre a bioxeoquímica de solos de áreas húmidas da costa brasileira.

Logo desta primeira xornada de sesións expositivas, o programa do evento científico, a través do que se pretende render homenaxe á profesora da USC xa finada Benita Silva Hermo, continuará durante a fin de semana coa organización de visitas técnicas a diversos enclaves da controna de especial interese xeolóxico, petrolóxico e xeomorfolóxico, ao tempo que se debaterá sobre os procesos formadores dos solos da serra da Capelada.

Singularidades dun xeoparque

Un Xeoparque é unha parte do territorio que inclúe paisaxes e lugares con relevancia xeolóxica internacional, e que debe ser xestionado integrando criterios de protección ambiental, divulgación e desenvolvemento sostible, sinala o profesor Xosé Lois Otero, para quen os valores ambientais, especialmente os xeolóxicos, que conflúen na Serra da Capelada e en Cabo Ortegal, confírenlle unha relevancia internacional a este territorio.

Este complexo xeolóxico, engade o presidente da delegación territorial da Sociedade Española de Ciencias do Solo de Galicia, presenta un conxunto de rochas que son extremadamente raras na superficie terrestre. Son rochas e formacións xeolóxicas, precisa, propias do manto superior e da parte profunda da codia terrestre, situada a uns 40-100 km de profundidade, pero que no Xeoparque de Cabo Ortegal aparecen en superficie, explica Otero.

O tamén coordinador da Rede de Estacións Biolóxicas da USC subliña que, do mesmo xeito que as rochas, os solos deste xeoparque amosan unha serie de propiedades e características pouco comúns fóra deste contexto xeolóxico. De especial interese, salienta, son os solos desenvolvidos sobre as peridotitas serpentinizadas, anfibolitas e granulitas.

Cartaz co programa das xornadas organizadas pola delegación territorial de SECS-Galicia
Cartaz co programa das xornadas organizadas pola delegación territorial de SECS-Galicia
Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2023.