Pasar al contenido principal

A alumna de Veterinaria Carmen García, estudante mellor valorada nas prácticas do Consello Social

Carmen García e Cecilia Sierra. FOTO: Santi Alvite
Carmen García e Cecilia Sierra. FOTO: Santi Alvite
Recolleu o diploma acreditativo de mans da presidenta deste órgano colexiado, Cecilia Sierra. O recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros
Lugo, Santiago de Compostela

Carmen García Abonjo é a alumna mellor valorada na convocatoria de prácticas do Consello Social correspondente a setembro de 2022. “Estou moi contenta, non o agardaba. Síntome orgullosa e feliz”, afirmou a estudante do grao en Veterinaria que recolleu este venres 16 o diploma que o acredita de mans da presidenta do órgano Colexiado, Cecilia Sierra. García Abonjo que estivo titorizada pola profesora da USC, Maribel Quiroga, e por Ana Belén Cadavila Cortizo, da clínica Taravela, quixo subliñar que a realización destas prácticas permitiulle obter unha “visión de como é o traballo real na clínica, o día a día. Facer prácticas dáche unha visión máis ampla, ves diferentes modos de traballo”. 

O recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros, achega moi importante para o desenvolvemento deste período formativo. Ademais, García Abonjo quixo destacar o trato recibido polo Consello Social. “Facilitáronme todo o proceso de tramitación. A súa resposta é sempre rápida, tanto por teléfono como por mail, a comunicación foi moi sinxela e agradable”, dixo. García Abonjo desenvolveu as súas prácticas dende o 21 de novembro ata o 16 de decembro de 2022 e recibiu unha cualificación de 60 sobre 60 puntos. 

Pola súa parte, a presidenta do órgano colexiado, Cecilia Sierra, destacou que este recoñecemento conforma “o papel do Consello Social na súa máxima expresión”. “O premio representa un orgullo, ao tras ano. Saes das aulas cun coñecemento moi importante pero falta axeitarse ao que pide a sociedade, ademais as prácticas tamén son de grande axuda para atopar un posto de traballo no futuro”, subliñou en referencia a todas as persoas gañadoras en edicións anteriores xa que o galardón, dixo, “estase a converter nun referente”. 

O Consello Social, como órgano de participación da sociedade na Universidade, está comprometido coa mellora da empregabilidade, achegando a realidade laboral e complementando a formación teórica do alumnado mediante prácticas en empresas e institucións, ao mesmo tempo que fomenta a colaboración co tecido económico e institucional da comunidade. Este premio outórgase dúas veces ao ano, coincidindo cos períodos de prácticas das convocatorias de febreiro e setembro.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.06.2023.