A fase final das Regueifiñas debate sobre a incidencia das redes sociais na sociedade actual
A final do concurso escolar Regueifiñas celebrarase este venres 22 a partir das 18.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Comunicación para debater sobre o tema ‘Son as redes sociais un avance para a nosa sociedade?’. De entrada libre para completar o aforo, o debate tamén se poderá seguir en directo a través da web.
O equipo que defenderá a postura das redes sociais como un avance da sociedade contemporánea está composto por María Manuel Gómez e Andrea Iglesias, alumnas de 1º de Bacharelato do IES Rosalía de Castro de Santiago. A postura contraria manterana Beatriz Rodríguez e Antón del Río, de 3º de ESO do colexio Compañía de María de Ferrol.
O punto de partida do debate será a consideración das redes sociais como unha invención que cambiou o paradigma e as convencións das relacións persoais, unha ferramenta de comunicación global impensable ata fai poucos anos, capaz de conectar a mobilizar á xente de todo o planeta para facer un mundo mellor. Pero, existe a privacidade nas redes sociais? É ético o uso que fan as corporacións empresariais dos datos xerados nestas interaccións dixitais? Axudan a estar informados?. Estas serán algunhas preguntas que se presentarán nos argumentos a favor e en contra.
As Regueifiñas desenvólvense este ano como novidade fronte anteriores convocatorias do ciclo Regueifas de Ciencia e baixo o formato dun certame de debate dirixido a centros de Secundaria, Bacharelato e FP galegos.