Ir o contido principal

A fase final das Regueifiñas debate sobre a incidencia das redes sociais na sociedade actual

Cartel da final que se celebra este venres en Ciencias da Comunicación
Cartel da final que se celebra este venres en Ciencias da Comunicación
Enmarcadas no ciclo de Regueifas de Ciencia, esta é unha convocatoria que se dirixía a centros de secundaria, Bacharelato e FOP galegos

A final do concurso escolar Regueifiñas celebrarase este venres 22 a partir das 18.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Comunicación para debater sobre o tema ‘Son as redes sociais un avance para a nosa sociedade?’. De entrada libre para completar o aforo, o debate tamén se poderá seguir en directo a través da web.

O equipo que defenderá a postura das redes sociais como un avance da sociedade contemporánea está composto por María Manuel Gómez e Andrea Iglesias, alumnas de 1º de Bacharelato do IES Rosalía de Castro de Santiago. A postura contraria manterana Beatriz Rodríguez e Antón del Río, de 3º de ESO do colexio Compañía de María de Ferrol.

O punto de partida do debate será a consideración das redes sociais como unha invención que cambiou o paradigma e as convencións das relacións persoais, unha ferramenta de comunicación global impensable ata fai poucos anos, capaz de conectar a mobilizar á xente de todo o planeta para facer un mundo mellor. Pero, existe a privacidade nas redes sociais? É ético o uso que fan as corporacións empresariais dos datos xerados nestas interaccións dixitais? Axudan a estar informados?. Estas serán algunhas preguntas que se presentarán nos argumentos a favor e en contra.

As Regueifiñas desenvólvense este ano como novidade fronte anteriores convocatorias do ciclo Regueifas de Ciencia e baixo o formato dun certame de debate dirixido a centros de Secundaria, Bacharelato e FP galegos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2019.