Pasar al contenido principal

O Campus Terra pon en valor o cultivo de pataca en Galicia no LII Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura

Galicia é unha das principais produtoras de pataca de España. Foto: Pixabay
Galicia é unha das principais produtoras de pataca de España. Foto: Pixabay
Máis de 30 profesionais, investigadores e técnicos do sector hortícola en España presentará en Lugo os resultados dos últimos traballos de experimentación en horticultura no marco dun foro coordinado polos profesores na EPS de Enxeñaría Benigno Ruiz Nogueiras e Mª Belén Díaz que se desenvolverá do 18 ao 22 de setembro e inclúe visitas técnicas a Xinzo de Limia e ao CIAM de Mabegondo
Lugo

O Campus Terra da USC porá en valor a importancia do cultivo de pataca en Galicia no marco do LII Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura, un foro coordinado polos profesores na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Benigno Ruiz Nogueiras e Belén Díaz Hernández que se desenvolverá do 18 ao 22 de setembro na sede universitaria luguesa.

O programa desta reunión científica, na que se agarda a participación de máis de 20 profesionais, investigadores e técnicos do sector hortícola procedentes de toda España, permitirá expoñer os resultados das últimas investigación e dos traballos de investigación desenvolvidos neste eido produtivo, un sector no que a produción de pataca constitúe o principal sinal de identidade da horticultura en Galicia.

O cultivo de pataca cumpre con tos os requirimentos dunha produción hortícola, sinala o profesor Ruiz Nogueiras, quen se ben recoñece o escaso peso da horticultura ornamental na comunidade galega fronte a outras rexións, non dubida en salientar que Galicia, despois de Castela León, é a segunda comunidade autónoma de España con maior produción deste tubérculo.

Daquela, alén da presentación de comunicacións, nas que se darán conta dos últimas investiación e ensaios realizados no ámbito da horticultura, o programa da próxima edición deste seminario nacional inclúe unha visita técnica a Xinzo de Limia, onde as persoas inscritas neste foro científico terá a oportunidade de coñecer de primeira man as singularidades que presenta a produción deste cultivo extensivo en Galicia, así como as distintas iniciativas posta en marcha para a súa valorización.

O profesor Ruiz Nogueiras relatou asemade que a 52 edición do Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura, unha reunión científica que botou a andar a finais dos anos 60 do século XX para unificar criterios e satisfacer as necesidades de transferencia de coñecemento a técnicos de investigación e especialistas das xa extintas axencias de extensión agraria e centros de capacitación agraria, mantense fiel aos principios que impulsaron estes foros.

Punto de encontro

O LII Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura, unha cita que recala na sede universitaria luguesa logo da última edición celebrada o ano pasado en Almería, antóllase como un punto de encontro entre asesores e técnicos, especialistas en horticultura, investigadores de centros públicos e privados, administracións, oficinas comarcais agrarias, universidades, e un gran número de empresas e profesionais do sector agroalimentario español. O obxectivo fundamental, apunta Ruiz Nogueiras, é transferir o coñecemento xerado para conseguir produtos de calidade e garantir un futuro rendible e sostible para o sector hortofrutícola español, aproveitando as vantaxes que achega o consumo de froitas e hortalizas.

O coordinador deste seminario nacional sobre horticultura apuntou neste senso que o programa da nova edición deste congreso contempla unha visita técnica ás instalacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, un organismo dependente da Xunta de Galicia, que desde a súa posta en marcha en 1988 realiza o servizo de transferir coñecementos e tecnoloxías ao agro galego.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.09.2023.