O Campus Terra pon en valor o cultivo de pataca en Galicia no LII Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura
O Campus Terra da USC porá en valor a importancia do cultivo de pataca en Galicia no marco do LII Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura, un foro coordinado polos profesores na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría Benigno Ruiz Nogueiras e Belén Díaz Hernández que se desenvolverá do 18 ao 22 de setembro na sede universitaria luguesa.
O programa desta reunión científica, na que se agarda a participación de máis de 20 profesionais, investigadores e técnicos do sector hortícola procedentes de toda España, permitirá expoñer os resultados das últimas investigación e dos traballos de investigación desenvolvidos neste eido produtivo, un sector no que a produción de pataca constitúe o principal sinal de identidade da horticultura en Galicia.
O cultivo de pataca cumpre con tos os requirimentos dunha produción hortícola, sinala o profesor Ruiz Nogueiras, quen se ben recoñece o escaso peso da horticultura ornamental na comunidade galega fronte a outras rexións, non dubida en salientar que Galicia, despois de Castela León, é a segunda comunidade autónoma de España con maior produción deste tubérculo.
Daquela, alén da presentación de comunicacións, nas que se darán conta dos últimas investiación e ensaios realizados no ámbito da horticultura, o programa da próxima edición deste seminario nacional inclúe unha visita técnica a Xinzo de Limia, onde as persoas inscritas neste foro científico terá a oportunidade de coñecer de primeira man as singularidades que presenta a produción deste cultivo extensivo en Galicia, así como as distintas iniciativas posta en marcha para a súa valorización.
O profesor Ruiz Nogueiras relatou asemade que a 52 edición do Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura, unha reunión científica que botou a andar a finais dos anos 60 do século XX para unificar criterios e satisfacer as necesidades de transferencia de coñecemento a técnicos de investigación e especialistas das xa extintas axencias de extensión agraria e centros de capacitación agraria, mantense fiel aos principios que impulsaron estes foros.
Punto de encontro
O LII Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura, unha cita que recala na sede universitaria luguesa logo da última edición celebrada o ano pasado en Almería, antóllase como un punto de encontro entre asesores e técnicos, especialistas en horticultura, investigadores de centros públicos e privados, administracións, oficinas comarcais agrarias, universidades, e un gran número de empresas e profesionais do sector agroalimentario español. O obxectivo fundamental, apunta Ruiz Nogueiras, é transferir o coñecemento xerado para conseguir produtos de calidade e garantir un futuro rendible e sostible para o sector hortofrutícola español, aproveitando as vantaxes que achega o consumo de froitas e hortalizas.
O coordinador deste seminario nacional sobre horticultura apuntou neste senso que o programa da nova edición deste congreso contempla unha visita técnica ás instalacións do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, un organismo dependente da Xunta de Galicia, que desde a súa posta en marcha en 1988 realiza o servizo de transferir coñecementos e tecnoloxías ao agro galego.