Pasar al contenido principal

184. Argalleiros que melloran o mundo

Un idioma preciso

Hai uns poucos días anunciouse que se abría o prazo de matrícula para a Galicia Maker Faire 2017. A noticia fixo que nos fixásemos no anglicismo maker, unha palabra que identifica ás persoas interesadas en aprender a facer as cousas por si mesmas, sobre todo nos ámbitos da tecnoloxía, a artesanía, o deseño, a gastronomía ou a arte, e en compartir e transmitir esas aprendizaxes a través de comunidades.

Por iso, é lóxico que aplicasen os seus principios fundamentais ao seu propio colectivo e fixesen por si mesmos o nome co que se autoidentifican en galego: argalleiros.

E o certo é que nos parece unha elección fantástica porque:

  • Darlle un novo significado a unha palabra xa existente no canto de crear unha nova ou incorporar o anglicismo resulta o máis lóxico xa que non estamos diante dun novo concepto, senón dunha actitude persoal ante a realidade cotiá que viña existindo desde sempre, e que agora se ve potenciada e facilitada coa aparición e a popularización de novas tecnoloxías e ferramentas.
    Esa mesma vía foi a que seguiu o inglés, ao engadirlle un novo sentido a unha palabra como maker, que significaba en principio 'persoa que fai ou fabrica algo'.
     
  • Argalleiro é un candidato moi apropiado para ser esa palabra á que actualizarlle o significado, xa que a súa definición "clásica" en galego ("Que manipula algo por diversión") recolle as características esenciais dos membros desa comunidade (a aprendizaxe pola práctica, o espírito lúdico...), e que se manteñen con independencia da tecnoloxía coa que se traballe.
     
  • Ten a capacidade de funcionar como adxectivo ("a cultura argalleira", "o movemento argalleiro"...) pero tamén como substantivo ("os argalleiros galegos teñen unha cita").

 

Así que xa sabedes, podemos arrombar o maker na caixa das ferramentas que non precisamos, porque temos unha nova (argalleiro) que se adapta moito mellor ás nosas necesidades cando falemos ou escribamos en galego.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.11.2023.