184. Argalleiros que melloran o mundo
Hai uns poucos días anunciouse que se abría o prazo de matrícula para a Galicia Maker Faire 2017. A noticia fixo que nos fixásemos no anglicismo maker, unha palabra que identifica ás persoas interesadas en aprender a facer as cousas por si mesmas, sobre todo nos ámbitos da tecnoloxía, a artesanía, o deseño, a gastronomía ou a arte, e en compartir e transmitir esas aprendizaxes a través de comunidades.
Por iso, é lóxico que aplicasen os seus principios fundamentais ao seu propio colectivo e fixesen por si mesmos o nome co que se autoidentifican en galego: argalleiros.
E o certo é que nos parece unha elección fantástica porque:
- Darlle un novo significado a unha palabra xa existente no canto de crear unha nova ou incorporar o anglicismo resulta o máis lóxico xa que non estamos diante dun novo concepto, senón dunha actitude persoal ante a realidade cotiá que viña existindo desde sempre, e que agora se ve potenciada e facilitada coa aparición e a popularización de novas tecnoloxías e ferramentas.
Esa mesma vía foi a que seguiu o inglés, ao engadirlle un novo sentido a unha palabra como maker, que significaba en principio 'persoa que fai ou fabrica algo'.
- Argalleiro é un candidato moi apropiado para ser esa palabra á que actualizarlle o significado, xa que a súa definición "clásica" en galego ("Que manipula algo por diversión") recolle as características esenciais dos membros desa comunidade (a aprendizaxe pola práctica, o espírito lúdico...), e que se manteñen con independencia da tecnoloxía coa que se traballe.
- Ten a capacidade de funcionar como adxectivo ("a cultura argalleira", "o movemento argalleiro"...) pero tamén como substantivo ("os argalleiros galegos teñen unha cita").
Así que xa sabedes, podemos arrombar o maker na caixa das ferramentas que non precisamos, porque temos unha nova (argalleiro) que se adapta moito mellor ás nosas necesidades cando falemos ou escribamos en galego. |