Pasar al contenido principal

119. A RAG no seu labirinto... de anémonas

Un idioma preciso

Despois de case 120 precisións, son xa moitas as veces en que tratamos problemas que se vían agravados polas contradicións existentes entre dicionarios e vocabularios galegos. Pero que sexa a propia RAG quen se leve a contra a si mesma, xa parece un pouco excesivo.

Se intentamos saber cál debe ser o nome galego culto das especies botánicas do xénero Anemone (en Galicia representado por estas dúas especies) ou dos cnidarios antozoos do xénero Anemonia (fundamentalmente a Anemonia viridis) atoparémonos con que os traballos que deberían contribuír a asentar unha forma preferente son os que máis fomentan a confusión:

En 1997 o Diccionario da RAG, recomendaba o emprego de anémona, apostando por valorar máis a harmonización co castelán e o portugués, ca o respecto á fonte grecolatina da que procede o nome. Esa mesma é a recomendación que sete anos (2004) despois se podía atopar no Dicionario castelán-galego da RAG.Anemonia viridis

Pero nese mesmo ano 2004 o Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLG) marcaba anémona como forma non normativa, e recomendaba usar no seu canto anemone, dándolle a volta á priorización de criterios que acabamos de indicar.

A maior parte dos dicionarios galegos, tanto xerais como especializados, optaron por unha actitude máis pragmática, e recoñecen as dúas formas como válidas. Podemos comprobalo no Dicionario de galego da Ed. Ir Indo, no Gran dicionario Século XXI galego-castelán, castelán-galego ou no Diccionario das ciencias da natureza e da saúde.

A esta filosofía adhírese tamén a versión que do VOLG se pode consultar na Internet. Nela, recóllese a forma anémona como correcta, e preséntase anemone como sinónimo seu; pola contra, na entrada anemone non hai referencia ningunha ao que debería ser o seu sinónimo.

Chegados a este punto, e dado que neste caso os criterios etimolóxico e de harmonización nos levan a resultados contrapostos, parécenos razoable defender que as dúas denominacións (anémona e anemone) se consideren variantes correctas en galego. Pero iso non quita para pedirlle á RAG unha pouca máis de coherencia -ou de información- á hora de establecer os seus criterios. Non vos parece?
Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.09.2024.