Pasar al contenido principal

99. Desmontando tingladillos nunha dorna

Un idioma preciso

No ámbito da carpintaría de ribeira existe –como en case todos os oficios tradicionais– un inmenso volume de léxico técnico que podería e debería ser recuperado para a actividade moderna, neste caso, para o campo da construción naval industrial. Por iso, sorprendeunos bastante atopar en textos referidos a ese labor profesional unha forma de aparencia tan claramente castelá como tingladillo.

Con esa denominación –que normalmente se documenta na expresión a tingladillo– alúdese nese idioma á ‘disposición das táboas do casco dalgunhas embarcacións menores que non se unen a tope en sentido lonxitudinal, senón que unhas montan parcialmente sobre outras’ (vid. ilustración). Como a súa orixe castelá parece clara (o diminutivo en -illo non engana),[1] haberá que determinar se estamos ante un castelanismo necesario (como tortillabocadillobanderillaguerrilla…) ou se é redundante ao competir con formas propias do galego.

E se temos en conta que esa forma de bancear o costado das embarcacións é tradicional en Galicia desde hai séculos, e chega a ser sinal característico dalgunhas, como a dorna, cabe intuír que tamén ha existir unha forma tradicional de referirse a ela.

E habelas hainas: en documentación que describe as diferenzas tipolóxicas entre as variedades de dornas, é frecuente atopalas divididas en dornas de tope (aquelas que levan as xuntas das táboas da obra viva unidas a tope) e dornas de calime ou de escarva (os costados bancéanse superpoñendo parcialmente as táboas en sentido lonxitudinal). Parece claro que estas últimas designan o mesmo tipo de embarcación da que se diría en castelán que está “construída a tingladillo”.

Chegados a este punto, a importación do castelanismo parece innecesaria, cando se pode defender e xustificar razoablemente a potenciación de calquera das dúas formas devanditas.[2] Polo mesmo motivo, pensamos que tampouco hai necesidade ningunha de propor denominacións novas, como a recollida no glosario Construción naval (tingladillo: armazón), con independencia de que neste caso concreto a proposta que se fai resulte xenérica de máis para designar con precisión o concepto.[3]

En resumo, pensamos que calime ou escarva poden e deben substituír con éxito un tingladillo, que agora xa se pode catalogar sen dúbidas como castelanismo superfluo. De termos que elixir soamente unha, a maior extensión no uso de calime, faríanos apostar por esta: así, pasariamos a falar de “construción en calime”, de “embarcacións banceadas a calime”, etc.

 

----------------------------------

[1] Ademais, a palabra raíz de que deriva (tinglado) é tratada pola Real Academia Galega como unha forma que cómpre evitar, recomendando sempre outras denominacións galegas para referirse a calquera dos conceptos que designa: alpendrealboiocuberto… para o ‘sitio cuberto de forma lixeira que permite protexerse do ventimperio’ e leaenredomaraña… para a ‘situación confusa e axitada, normalmente acompañada de balbordo e tumulto’.

[2] De feito, nalgúns sitios da rede xa se viña recomendando esta alternativa.

[3] Esta falla de precisión débese, ao noso parecer, a unha mala identificación do concepto que se pretende nomear, xa que é definido como ‘conxunto de pezas de diferentes materias que forman a estrutura sobre a que sustenta algo’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2023.