Pasar al contenido principal

Premios, relatorios e monólogos en galego na Facultade de Ciencias polo Día Internacional da Lingua Materna

Na primeira fila, estudantes de ensino medio premiados na segunda edición de 'Petiscos de ciencia'
Na primeira fila, estudantes de ensino medio premiados na segunda edición de 'Petiscos de ciencia'
A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de facer divulgación científica en lingua galega no centro universitario lugués, que tamén acolleu a entrega de premios do concurso ‘Petiscos de ciencia’ a alumnado de ensino medio nos IES Pintor Colmeiro, de Silleda, e Laxeiro, de Lalín
Lugo, Santiago de Compostela

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC celebra o Día Internacional da Lingua Materna coa xornada ‘Contar a ciencia desde nós’, un evento no marco do que a xornalista do portal GCiencia Laura Filloy ofreceu o relatorio ‘Por que debes divulgar a ciencia... e facelo en galego’, e que tamén serviu de escenario no que a investigadora na Facultade de Veterinaria Uxía Yáñez Ramil presentou o monólogo científico ‘Unha vaca moi intelixente’.

A xornada conmemorativa do Día Internacional da Lingua Materna, unha efeméride, proclamada pola Unesco en 1999 e adoptada posteriormente pola ONU, que cada 21 de febreiro trata de promover a consciencia sobre a diversidade lingüística e cultural e sobre o plurilingüismo do planeta, desenvolveuse nesta edición baixo o lema ‘Educación multilingüe: un piar da aprendizaxe interxeracional’.

O programa de actividades organizados na  Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC puxo o foco na divulgación científica e na importancia que ten a formación científica en lingua materna e, nomeadamente, en galego. De feito, as intervencións de Laura Filloy e de Uxía Ramil deixaron constancia de que o galego é un idioma versátil tanto para contextos formais como informais, así como para o ensino e mesmo a divulgación científica.

Unha vez rematadas estas intervencións, a decana da Facultade de Ciencias, Asteria Luzardo, acompañada do responsable de Asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Bermúdez Blanco, e da secretaria do centro universitario lugués, Patricia Regal, procedeu á entrega dos premios da edición de 2023 do concurso ‘Petiscos de Ciencia’, unha iniciativa promovida desde a Comisión de Normalización Lingüística do centro lugués e orientada á participación de alumnado de ESO, Formación Profesional e Bacharelato de todos os institutos de Galicia.

A segunda edición deste certame, no que o estudantado interesado tivo a oportunidade de participar coa presentación de vídeos inéditos de divulgación científica en galego cunha duración de entre 30 e 90 segundos, recibiu máis de 40 propostas. O xurado encargado de resolver o concurso, que gratifica as dúas candidaturas máis valoradas con premios en metálico de 200 e 100 euros, respectivamente, acordou outorgar o primeiro galardón a Diego Lois Ojea, alumno do IES Pintor Colmeiro de Silleda, polo vídeo ‘O efecto Tyndall’.

A proposta audiovisual presentada polas alumnas Nuria Castro González, Alejandra Chamorro García e Xiomara Silva Vázquez, do IES Laxeiro de Lalín, baixo o título ‘Neutrinos’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.02.2024.