Premios, relatorios e monólogos en galego na Facultade de Ciencias polo Día Internacional da Lingua Materna
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC celebra o Día Internacional da Lingua Materna coa xornada ‘Contar a ciencia desde nós’, un evento no marco do que a xornalista do portal GCiencia Laura Filloy ofreceu o relatorio ‘Por que debes divulgar a ciencia... e facelo en galego’, e que tamén serviu de escenario no que a investigadora na Facultade de Veterinaria Uxía Yáñez Ramil presentou o monólogo científico ‘Unha vaca moi intelixente’.
A xornada conmemorativa do Día Internacional da Lingua Materna, unha efeméride, proclamada pola Unesco en 1999 e adoptada posteriormente pola ONU, que cada 21 de febreiro trata de promover a consciencia sobre a diversidade lingüística e cultural e sobre o plurilingüismo do planeta, desenvolveuse nesta edición baixo o lema ‘Educación multilingüe: un piar da aprendizaxe interxeracional’.
O programa de actividades organizados na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC puxo o foco na divulgación científica e na importancia que ten a formación científica en lingua materna e, nomeadamente, en galego. De feito, as intervencións de Laura Filloy e de Uxía Ramil deixaron constancia de que o galego é un idioma versátil tanto para contextos formais como informais, así como para o ensino e mesmo a divulgación científica.
Unha vez rematadas estas intervencións, a decana da Facultade de Ciencias, Asteria Luzardo, acompañada do responsable de Asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Bermúdez Blanco, e da secretaria do centro universitario lugués, Patricia Regal, procedeu á entrega dos premios da edición de 2023 do concurso ‘Petiscos de Ciencia’, unha iniciativa promovida desde a Comisión de Normalización Lingüística do centro lugués e orientada á participación de alumnado de ESO, Formación Profesional e Bacharelato de todos os institutos de Galicia.
A segunda edición deste certame, no que o estudantado interesado tivo a oportunidade de participar coa presentación de vídeos inéditos de divulgación científica en galego cunha duración de entre 30 e 90 segundos, recibiu máis de 40 propostas. O xurado encargado de resolver o concurso, que gratifica as dúas candidaturas máis valoradas con premios en metálico de 200 e 100 euros, respectivamente, acordou outorgar o primeiro galardón a Diego Lois Ojea, alumno do IES Pintor Colmeiro de Silleda, polo vídeo ‘O efecto Tyndall’.
A proposta audiovisual presentada polas alumnas Nuria Castro González, Alejandra Chamorro García e Xiomara Silva Vázquez, do IES Laxeiro de Lalín, baixo o título ‘Neutrinos’.