Pasar al contenido principal

Un estudo da USC afonda nas relacións entre os eventos ambientais extremos e os perigos da ciberseguridade

A relación entre os eventos ambientais extremos e a ciberseguridade é un dos eixos de traballo do proxecto CIBER-ECO. FOTO: Pixabay
A relación entre os eventos ambientais extremos e a ciberseguridade é un dos eixos de traballo do proxecto CIBER-ECO. FOTO: Pixabay
O proxecto CIBER-ECO analiza se é posible predicir con modelos baseados en intelixencia artificial o impacto potencial de ameazas baseadas nas novas tecnoloxías

Un equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela liderado por María L. Loureiro, do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais está a desenvolver o proxecto estratéxico ‘Ciberseguridade e economía: estudo de ameazas ambientais globais e diagnósticos empresariais’ (CIBER-ECO), que busca estudar e atribuír as ciberameazas mediante técnicas innovadoras, así como ampliar o coñecemento existente sobre estas en termos de impactos económicos en sectores específicos, a nivel microeconómico, centrándose na vulnerabilidade do pequeno tecido empresarial en España, e en concreto nas pemes e autónomos.

CIBER-ECO é un proxecto de investigación estratéxico dotado con 400.000 euros na convocatoria de decembro de 2023 polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE). Céntrase fundamentalmente en dúas liñas temáticas, a primeira das cales aborda o estudo e atribución de ciberameazas mediante técnicas innovadoras, poñendo o foco en ameazas externas moi palpables non previamente estudadas a nivel macroeconómico e investigando como se relacionan as distintas ciberameazas e fendas de ciberseguridade con situacións de crise política, eventos ambientais extremos e outras vulnerabilidades; que características comparten as vítimas dos ciberataques; como impactará a maior recorrencia de eventos extremos á ciberseguridade en España; que sectores económicos, lugares e recursos poden ser máis susceptibles a ataques de ciberseguridade nos distintos escenarios climáticos futuribles e finalmente estudar se podemos predicir os seus impactos potenciais coa axuda de modelos baseados en intelixencia artificial.

A segunda liña de investigación pretende ampliar o coñecemento existente en termos de impactos económicos en sectores económicos específicos, a nivel microeconómico, centrándose na vulnerabilidade do pequeno tecido empresarial en España, e en concreto nas pemes e autónomos.  En particular, o proxecto busca centrarse na liña de ciberdiagnóstico automatizado para pemes e autónomos. Nesta liña de investigación, tratarase de coñecer ata que punto son conscientes as pemes e autónomos da súa exposición ao risco en materia de ciberseguridade, que sistemas utilizan para protexerse de ciberataques na actualidade e como os seleccionan, que ameazas consideran que poden ser máis importantes e cales son as perdas que sofren de forma máis habitual por erros na súa ciberseguridade.

Coa finalidade de dar resposta a estas preguntas e outras utilizaranse distintas técnicas de análises, tanto para o estudo das ameazas a nivel macroeconómico vinculadas co impacto do cambio climático, como as liñas a nivel microeconómico que analizan en detalle as vulnerabilidades de ciberseguridade do sector das pemes e autónomos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.03.2024.