Un estudo da USC afonda nas relacións entre os eventos ambientais extremos e os perigos da ciberseguridade
Un equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela liderado por María L. Loureiro, do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais está a desenvolver o proxecto estratéxico ‘Ciberseguridade e economía: estudo de ameazas ambientais globais e diagnósticos empresariais’ (CIBER-ECO), que busca estudar e atribuír as ciberameazas mediante técnicas innovadoras, así como ampliar o coñecemento existente sobre estas en termos de impactos económicos en sectores específicos, a nivel microeconómico, centrándose na vulnerabilidade do pequeno tecido empresarial en España, e en concreto nas pemes e autónomos.
CIBER-ECO é un proxecto de investigación estratéxico dotado con 400.000 euros na convocatoria de decembro de 2023 polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE). Céntrase fundamentalmente en dúas liñas temáticas, a primeira das cales aborda o estudo e atribución de ciberameazas mediante técnicas innovadoras, poñendo o foco en ameazas externas moi palpables non previamente estudadas a nivel macroeconómico e investigando como se relacionan as distintas ciberameazas e fendas de ciberseguridade con situacións de crise política, eventos ambientais extremos e outras vulnerabilidades; que características comparten as vítimas dos ciberataques; como impactará a maior recorrencia de eventos extremos á ciberseguridade en España; que sectores económicos, lugares e recursos poden ser máis susceptibles a ataques de ciberseguridade nos distintos escenarios climáticos futuribles e finalmente estudar se podemos predicir os seus impactos potenciais coa axuda de modelos baseados en intelixencia artificial.
A segunda liña de investigación pretende ampliar o coñecemento existente en termos de impactos económicos en sectores económicos específicos, a nivel microeconómico, centrándose na vulnerabilidade do pequeno tecido empresarial en España, e en concreto nas pemes e autónomos. En particular, o proxecto busca centrarse na liña de ciberdiagnóstico automatizado para pemes e autónomos. Nesta liña de investigación, tratarase de coñecer ata que punto son conscientes as pemes e autónomos da súa exposición ao risco en materia de ciberseguridade, que sistemas utilizan para protexerse de ciberataques na actualidade e como os seleccionan, que ameazas consideran que poden ser máis importantes e cales son as perdas que sofren de forma máis habitual por erros na súa ciberseguridade.
Coa finalidade de dar resposta a estas preguntas e outras utilizaranse distintas técnicas de análises, tanto para o estudo das ameazas a nivel macroeconómico vinculadas co impacto do cambio climático, como as liñas a nivel microeconómico que analizan en detalle as vulnerabilidades de ciberseguridade do sector das pemes e autónomos.