Pasar al contenido principal

Novo premio do xurado para a compañía de teatro da USC no Festival Internacional da Beira Interior

Escena da obra 'Antropoloxía do bico (a síndrome do túnel carpiano)'
Escena da obra 'Antropoloxía do bico (a síndrome do túnel carpiano)'
Por segundo ano consecutivo, a Aula de Teatro da USC faise co galardón do xurado, nesta ocasión coa peza ‘Antropoloxía do bico (a síndrome do túnel carpiano)’

A Aula de Teatro da USC segue a colleitar éxitos na escena internacional. Nesta ocasión, e por segundo ano consecutivo, vén de acadar o Premio do Xurado ao Mellor Espectáculo no Festival Internacional  da Beira Interior (Portugal) no que participaban un total de 14 compañías de Portugal, España e Colombia.

A peza que mereceu o recoñecemento este ano é 'Antropoloxía do bico (a síndrome do túnel carpiano)', a última estrea da compañía da USC dirixida por Roberto Salgueiro e cun elenco composto por Laura Valeiras e Paulinho Mouriño Pereiro. Os textos son obra de Laura Valeiras, Paulo Mouriño Pereiro, Roberto Salgueiro, Maurice Blanchot e Leila Guerriero.

Antropoloxía do bico
"Cal é a finalidade principal da boca? Comer, morder, falar? Non, bicar. A ausencia ou presenza dos bicos na nosa vida diaria determina o que pensamos, o que queremos, o que odiamos, a que lle temos medo e porque repetimos incansablemente as mesmas accións, como amasar a fariña ou ensaiar coa guitarra, por exemplo. Outros fan atletismo ou len", explican dende a Aula de Teatro da USC á hora de definir o eixo sobre o que se artella a obra.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.03.2024.