Novo premio do xurado para a compañía de teatro da USC no Festival Internacional da Beira Interior
A Aula de Teatro da USC segue a colleitar éxitos na escena internacional. Nesta ocasión, e por segundo ano consecutivo, vén de acadar o Premio do Xurado ao Mellor Espectáculo no Festival Internacional da Beira Interior (Portugal) no que participaban un total de 14 compañías de Portugal, España e Colombia.
A peza que mereceu o recoñecemento este ano é 'Antropoloxía do bico (a síndrome do túnel carpiano)', a última estrea da compañía da USC dirixida por Roberto Salgueiro e cun elenco composto por Laura Valeiras e Paulinho Mouriño Pereiro. Os textos son obra de Laura Valeiras, Paulo Mouriño Pereiro, Roberto Salgueiro, Maurice Blanchot e Leila Guerriero.
Antropoloxía do bico
"Cal é a finalidade principal da boca? Comer, morder, falar? Non, bicar. A ausencia ou presenza dos bicos na nosa vida diaria determina o que pensamos, o que queremos, o que odiamos, a que lle temos medo e porque repetimos incansablemente as mesmas accións, como amasar a fariña ou ensaiar coa guitarra, por exemplo. Outros fan atletismo ou len", explican dende a Aula de Teatro da USC á hora de definir o eixo sobre o que se artella a obra.