Convocatoria: xuño 2024 a maio 2025
As propostas de formación que se realicen deberán axustarse ao establecido pola Orde do 14 de maio de 2013, pola que se regula a convocatoria, o recoñecemento, a certificación e o rexistro das actividades de formación permanente do profesorado en Galicia.
Con carácter xeral, as propostas deberán seguir as seguintes directrices:
- As actividades seleccionadas para a homologación deben contribuír a mellorar a cualificación científica, didáctica, tecnolóxica e profesional do profesorado.
- As actividades de formación permanente, para os efectos do seu recoñecemento, terán unha duración mínima de 8 horas e non serán coincidentes co horario lectivo do profesorado no centro educativo.
- O horario da actividade en días laborais non pode superar as 4 horas e debe ser á tarde, fóra do horario lectivo do profesorado.
- En días non lectivos o número de horas pode ser ata un máximo de 8.
- As actividades en rede teñen que ser dun mínimo de 20 horas.
- As accións formativas irán dirixidas ao profesorado que desempeñe as súas funcións en centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos. Permítese a participación nestas actividades a docentes alleos a este colectivo ata un 30%, incluído profesorado universitario.
- O número de participantes nunha actividade deberá ser, como mínimo, de 15 en actividades presenciais e 25 nas actividades en rede. En ningún caso se tramitarán actividades formativas cun número de participantes inferior.
No caso de desenvolverse a dita actividade, deberase ter en consideración, ademais, o seguinte:
- Para ter dereito á certificación, o profesorado deberá asistir polo menos ao 85% das horas da actividade.
- Unha vez rematada a actividade, a persoa coordinadora enviará ao CFP:
- A acta da actividade
- O parte de sinaturas da asistencia ou a folla de conexións (se o curso é en liña).
- Unha valoración da actividade atendendo ao grao de consecución dos obxectivos, á organización, á metodoloxía e á avaliación dos participantes.
As propostas deben presentarse no seguinte formulario dirixidas ao Centro de Formación de Persoal por correo electrónico (pfid [at] usc.es (pfid[at]usc[dot]es)). Data límite de presentación: 14 de xuño de 2024.
O formulario de presentación de propostas pode descargarse desde a seguinte ligazón: