Aberto o prazo para presentar textos ao premio de relato curto de Alumni USC
Os orixinais poden presentarse ata o 15 de outubro
Alumni USC vén de convocar a décimo oitava edición do seu certame de relato curto, aberto ao público en xeral, de temática libre, para textos inéditos e redactados en lingua galega. O relato terá un máximo de sete páxinas e os orixinais poden presentarse, co 15 de outubro como data límite, por correo electrónico ou por correo certificado, segundo os requirimentos establecidos na convocatoria.
O xurado poderá declarar deserto o premio e a súa decisión será inapelable a todos os efectos. O premio terá unha dotación de 500 euros, patrocinados polo Hospital HM La Rosaleda.