Pasar al contenido principal

Emprega-T Fest

19.09.2024 | 10.00h

Praza Horta do Seminario de Lugo

A primeira edición do festival ofreceu en Lugo “un espazo dinámico e cheo de enerxía” para dar resposta aos diferentes perfís de demandantes de emprego

Cartaz EMPREGA-T
EMPREGA-T

O Emprega-T Fest naceu para ser “un espazo dinámico e cheo de enerxía” que conectou, o xoves 19 de setembro de 2024, a empresas cos diferentes perfís de demandantes de emprego. O evento, organizado polo Campus Terra e a Área de Orientación Laboral da USC, en colaboración co Concello de Lugo e coa Asociación de Empresarios do polígono do Ceao - As Gándaras, ofreceu a través da súa páxina web a posibilidade de que as persoas interesadas rexistrasen os seus respectivos currículos. O evento foi financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, así como pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

O acto inaugural botou a andar ás 10.00 horas, na Praza Horta do Seminario de Lugo, coas intervencións do vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga López; Paula Alvarellos Fondo, alcaldesa do Concello de Lugo; Francisco Dorado Vizcaíno, conselleiro delegado da Asociación de Empresarios do Ceao e As Gándaras; Pablo Fernández López, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia; e Pablo Rivera Capón, deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo.

A primeira parte da actividade, que tivo lugar ata as 19.00 horas, tivo como obxectivo “potenciar as oportunidades laborais das persoas demandantes de emprego ou con ganas de mellorar a súa situación profesional”, explican dende o Campus Terra da USC. O evento continuou con espazos expositivos onde as empresas presentaron a súa oferta de Recursos Humanos e como desenvolver a carreira profesional dentro delas; unha zona de entrevistas rápidas ou Speed Dating,  na que se realizaron entrevistas dunha duración de 15 minutos entre empresas e persoas candidatas; así como mesas redondas, charlas de empresas e talleres formativos vinculados ao mercado laboral. Tamén se contou cun espazo de ocio onde as persoas asistentes puideron desfrutar de food trucks e música. 

A partir das 19.00 horas, o festival deu paso a unha serie de actividades de carácter máis lúdico como un obradoiro de danza tradicional con Adrián Méndez; unha foliada cos grupos Axeigo e Cantareiras de Cantigas e Frores; así como un concerto do grupo Capital Voskov que serviu de colofón á xornada. 

Tal e como destaca Elvira López Mosquera, delegada do reitor para o Campus Terra, as persoas asistentes puideron participar en actividades “que facilitasen a súa incorporación ao mundo laboral, interactuando con persoal recrutador de empresas de distintos sectores, asistindo a conferencias e mesas redondas, potenciando as súas competencias e habilidades comunicativas a través dos obradoiros e presentando o seu talento nas entrevistas rápidas coas empresas”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.01.2025.