A USC pon á disposición do seu cadro de persoal unha aplicación de cita previa para obtención e renovación do DNI onde poder elixir día, franxa horaria e cidade (Santiago ou Lugo) de xeito preferente.
A USC ven de acordar co Ministerio do Interior levar a cabo unha acción específica para que os membros do cadro de persoal, profesores, PAS e investigadores, que participan nos distintos proxectos de sinatura electrónica que estanse a acometer na universidade, poidan obter o novo DNI-e de xeito preferente.
A tal fin, a USC pon á disposición do seu persoal unha aplicación de cita previa onde vostede poderá elixir día, franxa horaria e cidade (Santiago ou Lugo) para ser atendido. O Ministerio do Interior comprométese a aceptar esas citas reservando un cupo de atención preferente para elas.
Polo tanto, para obter o novo DNI-e deberá:
Entrar na aplicación de selección para marcar a súa cita. Lembre que:
Debe identificarse co seu usuario e contrasinal do dominio USC na forma nome.apelidos [at] usc.es (nome[dot]apelidos[at]usc[dot]es)
A cita poderá obterse ata o día anterior á mesma. Non será posible pedila para o mesmo día
Dentro da mesma páxina poderá eliminar a cita solicitada e pedir outra
Persoarse na Oficina do DNI para realizar os trámites no día sinalado, achegando dúas fotografías. Indique no mostrador da entrada que ten cita previa sinalada da Universidade
Recibirá, xunto co propio DNI, un sobre co contrasinal que permite usar o certificado de identidade. De non recibilo, ou para cambiar o (complicado) contrasinal que lle proporcionen, dispón no mesmo recinto dun “caixeiro automático” onde, coñecendo o contrasinal vella ou coa pegada dactilar, establecerá o novo contrasinal que desexe.
Que facer en caso de erro?
Se no momento de identificarse na aplicación vostede se trabuca e aparece unha páxina de erro, por favor, peche o seu navegador e ábrao de novo.
Se persisten os problemas, chame ao Centro de Atención a Usuarios (Ext. 55555)