Santiago e Lugo
Praza do Obradoiro en Santiago e Edificio Intercentros en Lugo
A Universidade de Santiago de Compostela súmase este luns 25 de novembro ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun acto institucional que presidirá o reitor Antonio López ás 11.30 horas na Praza do Obradoiro compostelá que consistirá nun minuto de silencio e lectura do Manifesto 25N da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU). Asiste ademais o director xeral de loita contra a violencia de xénero da Xunta de Galicia, Roberto Barba Alvedro.
Deseguindo, ás 12.00 horas estréase no Salón Nobre de Fonseca o documental 'Migracións', realizado por Juan Moredo, con coreografía de Rosa Acuña e con guión de Juan Carlos Zahera. Intervirán neste acto a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e o director xeral Roberto Barba.
Gravado en abril no marco do XXII Encontro de Danza da USC no Museo Interactivo da Historia de Lugo coa Compañía de Danza da USC, no documental 'Migracións' participan na voz Iria Estevez; a autora da poesía, Sabela R. Campos; e as bailarinas do Campus de Santiago, Lugo e da Compañía Sen Vergoña: Manuela Cividanes, Alexandra Clista, Uxía Felpeto, Aroa García, Ziggi Iglesias, Xonxa López, Arrate Núñez, Sara Sanz, Alicia Collazo, Lucía Fernández, Inés Fernández, Andrea Gil, Ayla Leiva, Sonia L. Pumarega, Loli Besteiro, Minda Méndez, Rosa Menéndez, Sabela R. Campo e Bea Ovalle.
Campus de Lugo
En Lugo seguirase un protocolo idéntico coa lectura do Manifesto da RUIGEU o mesmo luns 25, ás 12.00 horas diante do Edificio Intercentros, e coa presenza do vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e da delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez Boente.
As restantes actividades programadas nos centros con motivo do 25N poden consultarse na web de Igualdade.
Deste xeito, a USC busca manifestar ante a sociedade o rexeitamento da nosa comunidade universitaria ante este tipo de violencia.