Pasar al contenido principal

Xogadores do Breogán melloran destrezas coa oferta de idiomas no Centro de Linguas Modernas en Lugo

O reitor, terceiro pola esquerda, nun momento da visita ás instalacións do CLM en Lugo
O reitor, terceiro pola esquerda, nun momento da visita ás instalacións do CLM en Lugo
Antonio López mantivo un encontro cos deportistas nas instalacións do CLM na cidade, cos que conversou brevemente sobre a súa experiencia de aprendizaxe

Xogadores do Club Baloncesto Breogán S.A.D. de Lugo asisten regularmente a clases de idiomas do Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC nesa cidade, actividade formativa que se enmarca na liña de colaboración da Universidade de Santiago de Compostela cos clubs e entidades deportivas da súa contorna. O reitor Antonio López mantivo un encontro cos deportistas este xoves nas instalacións do CLM na cidade das murallas e conversou brevemente con eles sobre a súa experiencia de aprendizaxe.

A colaboración abre as portas a que integrantes deste e doutros equipos deportivos participen de actividades promovidas pola USC, como as desenvolvidas polo Centro de Linguas Modernas, que achega a posibilidade de que xogadores e familiares se incorporen aos cursos de idiomas, como é o caso dos de galego e español. Esta medida redunda nunha maior integración na cidade e propicia o intercambio cultural, mellorando a experiencia da súa estadía en Galicia.

Así mesmo, desde novembro de 2022 está en vigor un convenio entre o Breogán e a Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, polo cal este mesmo curso 2024/25 dous estudantes dese centro, do grao en Empresa e Tecnoloxía, realizarán prácticas no club complementando a súa formación en áreas como xestión, , márketing ou relación coa clientela e empresas provedoras, entre outras.

A USC busca con estas colaboracións fortalecer a consideración do deporte como un valor transversal no proceso formativo, ao tempo que prestar atención específica aos membros da comunidade universitaria que compatibilizan a práctica deportiva cos estudos universitarios.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.12.2024.