Xogadores do Breogán melloran destrezas coa oferta de idiomas no Centro de Linguas Modernas en Lugo
Xogadores do Club Baloncesto Breogán S.A.D. de Lugo asisten regularmente a clases de idiomas do Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC nesa cidade, actividade formativa que se enmarca na liña de colaboración da Universidade de Santiago de Compostela cos clubs e entidades deportivas da súa contorna. O reitor Antonio López mantivo un encontro cos deportistas este xoves nas instalacións do CLM na cidade das murallas e conversou brevemente con eles sobre a súa experiencia de aprendizaxe.
A colaboración abre as portas a que integrantes deste e doutros equipos deportivos participen de actividades promovidas pola USC, como as desenvolvidas polo Centro de Linguas Modernas, que achega a posibilidade de que xogadores e familiares se incorporen aos cursos de idiomas, como é o caso dos de galego e español. Esta medida redunda nunha maior integración na cidade e propicia o intercambio cultural, mellorando a experiencia da súa estadía en Galicia.
Así mesmo, desde novembro de 2022 está en vigor un convenio entre o Breogán e a Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, polo cal este mesmo curso 2024/25 dous estudantes dese centro, do grao en Empresa e Tecnoloxía, realizarán prácticas no club complementando a súa formación en áreas como xestión, , márketing ou relación coa clientela e empresas provedoras, entre outras.
A USC busca con estas colaboracións fortalecer a consideración do deporte como un valor transversal no proceso formativo, ao tempo que prestar atención específica aos membros da comunidade universitaria que compatibilizan a práctica deportiva cos estudos universitarios.