Pasar al contenido principal

Bota a andar unha nova edición dos Encontros na Zona USC, dirixidos a estudantado preuniversitario

Cada estudante poderá elixir un percorrido, de entre os quince ofertados. Imaxe de arquivo da edición 2023 dos Encontros. FOTO: Santi Alvite
Cada estudante poderá elixir un percorrido, de entre os quince ofertados. Imaxe de arquivo da edición 2023 dos Encontros. FOTO: Santi Alvite
Estenderanse do 4 ao 7 de febreiro en Compostela e do 25 ao 26 do mesmo mes no campus lucense
Lugo, Santiago de Compostela

Os Encontros na Zona USC volverán ser punto de achegamento para estudantes de ensino medio de toda Galicia ao longo do vindeiro mes de febreiro. Estes Encontros aproximan o estudantado preuniversitario ás facultades, escolas e servizos da USC, alén de ofrecerlle a oportunidade de recibir información sobre a oferta de estudos de grao. Cada estudante poderá elixir un percorrido, de entre os quince ofertados, en función das súas preferencias iniciais. Deste xeito, o estudantado visitará aulas, laboratorios e outros espazos dos centros nos que se imparten os graos da súa preferencia. 

No caso do Campus de Santiago, os Encontros na Zona USC desenvolveranse entre os días 4 e 7 de febreiro, para o que será preciso formalizar a correspondente solicitude de participación entre o 16 e o 29 de xaneiro. Durante o pasado curso académico, nestas xornadas de portas abertas participaron máis de 5.200 persoas procedentes dun cento de centros de ensino medio. En Lugo, a actividade terá lugar o 25 e 26 de febreiro e a inscrición abrirase do 11 ao 19 de febreiro. O curso pasado o campus lucense recibiu un milleiro de estudantes procedentes dunha vintena de centros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.01.2025.