Bota a andar unha nova edición dos Encontros na Zona USC, dirixidos a estudantado preuniversitario
Os Encontros na Zona USC volverán ser punto de achegamento para estudantes de ensino medio de toda Galicia ao longo do vindeiro mes de febreiro. Estes Encontros aproximan o estudantado preuniversitario ás facultades, escolas e servizos da USC, alén de ofrecerlle a oportunidade de recibir información sobre a oferta de estudos de grao. Cada estudante poderá elixir un percorrido, de entre os quince ofertados, en función das súas preferencias iniciais. Deste xeito, o estudantado visitará aulas, laboratorios e outros espazos dos centros nos que se imparten os graos da súa preferencia.
No caso do Campus de Santiago, os Encontros na Zona USC desenvolveranse entre os días 4 e 7 de febreiro, para o que será preciso formalizar a correspondente solicitude de participación entre o 16 e o 29 de xaneiro. Durante o pasado curso académico, nestas xornadas de portas abertas participaron máis de 5.200 persoas procedentes dun cento de centros de ensino medio. En Lugo, a actividade terá lugar o 25 e 26 de febreiro e a inscrición abrirase do 11 ao 19 de febreiro. O curso pasado o campus lucense recibiu un milleiro de estudantes procedentes dunha vintena de centros.