Pasar al contenido principal

Xente nova para o campus de Lugo

Valcárcel e López, na recepción ofrecida ao estudantado do ensino medio en Veterinaria
Valcárcel e López, na recepción ofrecida ao estudantado do ensino medio en Veterinaria
Máis de 400 estudantes de ensino medio procedentes de sete centros educativos da provincia de Lugo coñecen a oferta de títulos e servizos da sede universitaria luguesa

Máis de 400 estudantes de ensino medio procedentes de sete centros educativos da provincia de Lugo (CPR Divina Pastora-Salesianos, de Lugo; IES Enrique Murais, de A Pontenova; IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz; IES Gregorio Fernández, de Sarria; IES Ánxel Fole, de Lugo; IES Leiras Pulpeiro, de Lugo, e CPR San José) visitaron este venres os distintos centros da sede universitaria luguesa, a través do programa Encontros no Campus Terra de Lugo, unha xornada orientada a dar a coñecer a oferta de estudos e servizos deste campus da USC a estudantes preuniversitarios, organizada ao abeiro do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e o coordinador do programa ‘A Ponte’ nesta sede universitaria, Francisco Javier López, foron os encargados de dar a benvida ao estudantado preuniversitario nun acto desenvolvido no auditorio da Facultade de Veterinaria, onde Valcárcel salientou o “alto grao de satisfacción amosado por todos aqueles mozos e mozas que optan por vivir a súa experiencia universitaria no campus de Lugo”. “O máis difícil é a primeira decisión de escoller Lugo como destino universitario, pero merece a pena”, sentenciou Valcárcel na recepción inicial ao estudantado preuniversitario, que logo asistiu a unha presentación xenérica do campus lugués, así como da programación académica dispoñible e da oferta de servizos accesible para todos os membros da comunidade universitaria.

Unha vez rematada esta sesión, os estudantes, distribuídos en grupos en función das súas preferencias formativas e acompañados de estudantes e profesores universitarios, completaron itinerarios de visitas ás distintas facultades e escolas do campus de Lugo, ademais de facer un percorrido polas instalacións da Biblioteca Intercentros.

Participantes na última quenda de visitas dos Encontros no campus de Lugo

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.04.2019.