Estudantes de 15 países avalían na USC a presenza de microcontaminantes en augas residuais
Un grupo de 30 estudantes de quince países participa esta semana en Santiago nunha escola de verán sobre presenza, tratamento e impacto económico de microcontaminantes en augas residuais que organizan as profesoras Maite Moreira e Marta Carballa, do Departamento de Enxeñaría Química. O encontro que se desenvolve na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) ten como finalidade avaliar a presenza de microcontaminantes en augas residuais, determinar as emisións de gases de efecto invernadoiro, analizar tecnoloxías de tratamento e valorar os seus impactos ambientais segundo o concepto de análise de ciclo de vida e avaliación económica. A organización comprende clases teóricas, seminarios, clases de laboratorio e una visita técnica á Edar Tui-Guillarei. Esta escola de verán é unha iniciativa conxunta de tres redes de investigación que coordina o profesor da USC Juan M. Lema: a europea COST Water 2020, con 60 investigadores de 32 países; a española NOVEDAR, con 10 grupos universitarios; e a galega REGATA, que asocia 11 grupos de investigación galegos.