2020, ano Concepción Arenal na USC
O 31 de xaneiro de 2020 cumpriranse 200 anos do nacemento de Concepción Arenal Ponte, licenciada en Dereito, xornalista, escritora e unha das pioneiras do feminismo en España. Co gallo deste aniversario, a USC desenvolverá en 2020 o ano Concepción Arenal a través dunha nutrida axenda de actos. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; a concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; e o vicepresidente e o secretario do Ateneo de Santiago, Manuel López-Rivadulla Lamas e Francisco Candela Castrillo, reuníronse este mércores co reitor Antonio López no Colexio San Xerome coa intención de perfilar as accións conxuntas que estas institucións desenvolverán para reivindicar a figura da autora ferrolá e nas que tamén tomará parte o Consello da Cultura Galega.
Malia que este é un proxecto colectivo e aberto á participación doutras entidades, a Universidade traballa xa, xunto con estas institucións, no desenvolvemento de diferentes iniciativas cuxos puntos nucleares serán unha exposición no Colexio de Fonseca programada para o mes de setembro baixo o título ‘Concepción Arenal. A conciencia da razón’, así como a celebración dun congreso internacional no mes de outubro no que diferentes especialistas poderán abordar a figura de Concepción Arenal dende un enfoque multidisciplinar.
Ademais da mostra e do congreso, a USC impulsará unha serie de concertos nutridos coa obra de compositores do Rexurdimento que formaban parte dos salóns habituais da época como o moi coñecido de Emilia Pardo Bazán. Obras do violinista Jesús de Monasterio, amigo íntimo da autora, e do seu alumno Andrés Gaos, conformarán, entre outros autores e autoras, o programa dos concertos.
Asemade, tal e como se puxo de manifesto na reunión celebrada este mércores, as institucións están a traballar noutras accións. Entre elas, a USC súmase á iniciativa do Ateneo de acometer a publicación dunha edición facsimilar das obras La mujer del porvenir e La mujer de su casa, textos seminais para entender o pensamento feminista da autora ferrolá. Esta edición contará cun estudo introdutorio a cargo da profesora Carmen Blanco da Facultade de Humanidades. Ademais, a institución compostelá sumouse á iniciativa cidadá do Ateneo ante o Concello, xa aprobada, para efectuar o traslado dende o seu emprazamento actual cara unha nova localización do busto de Concepción Arenal.
Nesta liña, a Universidade publicará dentro da colección Clásicos do Pensamento Universal, colección coeditada coa Fundación BBVA, a tradución ao galego da obra El visitador del preso.
O venres 31 de xaneiro, data do aniversario do seu nacemento, os centros que integran a USC, tanto no campus de Santiago como no de Lugo, están chamados a acoller diferentes iniciativas para visibilizar e poñer en valor ante a comunidade universitaria e a sociedade en xeral, a figura de Concepción Arenal. Neste senso, nas vindeiras datas levaranse a cabo reunións cos centros para definir este programa de actividades. O descubrimento dun vítor na honra da xornalista tamén formará parte da axenda de actos que se desenvolverá ao longo de 2020.
Comisión para definir o programa
Malia que o primeiro encontro entre as diferentes institucións tivo lugar este mércores, a USC leva traballando dende hai varios meses no deseño da programación para este ano Concepción Arenal. Neste senso, elaborouse unha comisión interdisciplinar, a fin de artellar unha axenda que aborde dende diversas perspectivas a súa traxectoria. Ramón Ángel Bouzas Lorenzo, decano da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais; Ana María Gude Fernández, decana da Facultade de Dereito; José Francisco Méndez García, director da Biblioteca Concepción Arenal; Anxo Doval, técnico da Biblioteca Concepción Arenal; a catedrática de Dereito Administrativo, Alba Nogueira; a catedrática de Dereito Civil, María Paz García Rubio; a catedrática de Filosofía, María José Agra; o profesor de Dereito Penal, Fernando Vázquez Portomeñe; e o profesor de Historia da Educación, Vicente Peña Saavedra, integran a comisión da USC para este ano Concepción Arenal.