USC e Ateneo presentan a edición facsimilar das obras ‘La mujer del porvenir’ e ‘La mujer de su casa’ de Concepción Arenal
A presentación da edición facsimilar das obras La mujer del porvenir e La mujer de su casa de Concepción Arenal reuniu este mércores á profesora da USC na Facultade de Humanidades, Carmen Blanco, prologuista da obra, e á produtora Zara Ceballos, quen presentou o seu documental inédito sobre a autora ferrolá nun acto celebrado na sede de Afundación en Compostela.
La mujer del porvenir e La mujer de su casa son dous textos de Concepción Arenal referentes do feminismo da época. O primeiro é un ensaio sobre a independencia da muller e o seu futuro na sociedade moderna, tratando a súa marxinación e achegando solucións e medidas para rematar coa situación. Por outra banda, La mujer de su casa analiza os problemas aos que se enfronta a muller en España para ser tratada con dignidade.
Con estas obras, entre moitas outras, Concepción Arenal dedica unha parte importante da súa vida a reivindicar situacións marxinais, neste caso, o papel da muller no século XIX, converténdoa nunha pioneira no pensamento feminista. Ao acto tamén asistiron o reitor Antonio López e a vicerreitora de Comunicación Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. A publicación impulsada pola USC e o Ateneo compostelá é unha das iniciativas que a Universidade contempla dentro do programa de actividades do Ano Concepción Arenal.
Actividades ao longo de 2020
A Universidade traballa no desenvolvemento de diferentes iniciativas para homenaxear a esta escritora ao longo de 2020, entre as que destaca unha exposición no Colexio de Fonseca, programada para o mes de setembro baixo o título ‘Concepción Arenal. A conciencia da razón’. O obxecto da mostra é achegar ao público a figura da escritura nas súas diferentes facetas e contextualizala na súa época. Permanecerá aberta ao público no Salón de Graos e na capela gótica do Colexio de Fonseca ata outubro. A profesora da USC, María Paz García Rubio, e o director da Biblioteca Concepción Arenal, José Francisco Méndez García, serán os comisarios da mostra, da que tamén formarán parte como equipo técnico María Alén e Ramón Pinal. Ademais do material expositivo exhibido, está previsto o desenvolvemento dun programa educativo en colaboración co Concello de Ferrol en forma de unidades didácticas para centros.
A celebración dun congreso internacional no mes de outubro, partindo da figura de Concepción Arenal, pretende levar a cabo unha reflexión sobre as súas facetas máis destacadas tecendo lazos cara ao presente. Outro dos elementos deste bicentenario será a expresión artística materializada nun ciclo de concertos, en cuxa concepción e desenvolvemento colabora o grupo de investigación Organistrum. O criterio na selección do repertorio estará guiado pola súa relación con Concepción Arenal desde diferentes ángulos: compositores do Rexurdimento que formaban parte dos salóns habituais da época como o moi coñecido de Emilia Pardo Bazán ou obras do violinista Jesús de Monasterio, amigo íntimo da autora, e do seu alumno Andrés Gaos. Dada a importancia dentro do feminismo de Concepción Arenal, farase especial fincapé en incorporar compositoras e intérpretes mulleres.
A Universidade publicará dentro da colección Clásicos do Pensamento Universal, colección coeditada coa Fundación BBVA, a tradución ao galego da obra El visitador del preso. Baixo a asesoría do departamento de Historia da Arte estase a traballar no deseño dunha intervención escultórica a modo de vitor. Ademais, impulsarase o premio ‘Concepción Arenal’ en Ciencias Sociais e Xurídicas e Humanidades. Un ciclo de conferencias a celebrar ao longo do ano por especialistas na figura da escritora en colaboración con foros cidadás; así como a colaboración con Institucións Penitenciarias para a difusión do pensamento de Concepción Arenal nos cárceres; e algunha intervención do eido teatral completan o programa de actividades.